Os coordinadores dos programas de mobilidade no campus de Lugo veñen desempeñando dende hai anos un papel fundamental á hora de guiar aos estudantes estranxeiros cando chegan a este campus, ao tempo que preparan aos universitarios lugueses cando deciden ampliar os seus coñecementos nun centro estranxeiro.
Alberto Rojo, profesor da Escola Politécnica, coordina desde o curso 2004-2005 o convenio entre a USC e a Universidade de New Brunswick de Canadá, no intercambio bilateral de estudantes e persoal docente e investigador. Segundo a súa experiencia, este intercambio supón unha gran avantaxe para os estudantes de Forestais e Montes de Lugo, «porque Canadá é un país punteiro nestes temas». De momento, a Politécnica enviou alí a 16 alumnos. Para Rojo «o campus de Lugo entraría na preferencia de máis estudantes estranxeiros se se fixese publicidade -mellor de forma presencial- noutras universidades».
Esta opinión compártea Isabel González Rey, profesora de francés na Facultade de Humanidades, quen sinala que debería darse a coñecer o campus lucense dun xeito máis directo, aínda que «estamos empezando a notar os resultados dos esforzos pasados, xa que este campus vai acollendo pouco a pouco máis estudantes de fóra. Queda pendente mellorar estes resultados e fomentar que saian máis os nosos».
Como coordinador dos programas de mobilidade na Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina afirma que «os estudantes foráneos veñen inicialmente atraídos pola sona e polo prestixio da nosa facultade e ao longo da súa estadía é cando descobren as bondades do campus de Lugo. A de Veterinaria destaca como unha das facultades da USC que máis mobilidade estudantil ten».
O decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, asumiu tamén a responsabilidade de coordinar os programas de mobilidade neste centro. Segundo apunta, esta facultade destaca como unha das preferidas para os estudantes europeos, «sobre todo no caso da titulación en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, que dende hai dous anos rexistra unha maior incorporación de alumnos procedentes de Europa».