Un auditorio en plena montaña

LUGO

O músico Xosé Lois Foxo promove, xunto con outras personalidades, un proxecto para construír un anfiteatro nas cercanías do castelo de Carbedo, na Serra do Courel

31 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O entorno do castelo de Carbedo, nunha zona despoboada da zona norte do Courel, a uns seis quilómetros de Seoane, non parece a primeira vista un lugar moi adecuado para construír un auditorio. Non obstante, esa é a idea que baralla desde hai algún un grupo de persoas, que pensan que unha instalación deste tipo axudaría a dinamización cultural e social do municipio.

Os promotores da iniciativa son o músico Xosé Lois Foxo, nativo do municipio; o alcalde do Courel, José López Fontal; o delegado provincial de Cultura, Xoán Xosé Molina; Rafael Vizcaíno, xefe do Servizo de Creación e Difusión Cultural desta consellería, e o escultor sarriao José Díaz Fuentes. Todos eles visitaron o lugar o pasado mércores, continuando unha serie de encontros que mantiveron nos últimos tempos con este motivo. A idea consiste en construír un anfiteatro nunha vella canteira da que en tempos se extraíu sábrego para a construción de estradas. «Trataríase de facer unha estrutura de pedra, aproveitando dentro do posible a rocha natural do lugar e respeitando a paisaxe tradicional da zona», explica Foxo. «O pico do Taro Branco serviría de fondo ao escenario e daríalle unha dimensión estética moi interesante», engade.

O anfiteatro utilizaríase para desenvolver actividades culturais durante o verán -en inverno non sería posible ofrecer actuacións ao aire libre en plena montaña-, unha das cales sería o Filandón de Músicas do Courel que organiza o propio Xosé Lois Foxo desde hai once anos.

Lugar inhóspito

«É certo que o lugar é bastante inhóspito, porque a localidade máis cercana, a aldea de Carbedo, xa non ten veciños, e os sitios máis próximos, como Mostaz ou Campelo, só teñen hoxe en día uns poucos habitantes», admite o músico. «Pero así e todo, sería importante para O Courel contar cunha infraestrutura deste tipo e o lugar pode ser moi atractivo para ofrecer concertos e representacións durante os meses de bon tempo», agrega.

Os defensores da idea, por agora, non calcularon o custo que podería supor a construción do anfiteatro nin saben con que apoios oficiais podería contar o proxecto. «Entre os que apoian a iniciativa a está o delegado provincial de Cultura, pero participa a título persoal e iso non significa que a consellería respalde esta idea», puntualiza Foxo. Molina si se comprometeu a facer xestións para conseguir que se retire do entorno do castelo de Carbedo a torreta eléctrica que afea desde hai bastantes anos estas ruínas medievais.

En caso de que o proxecto se leve finalmente a cabo, os promotores pensan que o auditorio de Carbedo podería complementarse con algunhas esculturas realizadas por Díaz Fuentes. «Pensamos que as obras que fai este artista, que traballa con formatos moi grandes, quedarían moi ben neste lugar», di Foxo a este respecto. «Aínda non sabemos se será posible realizar este proxecto ou se haberá que abandonalo por resultar demasiado difícil, pero en todo caso imos intentalo», conclúe.