A varias comunidades de montes veciñais dos concellos lugueses de Láncara, Samos, O Páramo, O Incio, As Nogais, Navia de Suarna e Sarria estanlles chegando estes días os recibos do imposto de bens inmobles (IBI), a pesares de que estes montes están exentos do pago deste imposto. A situación foi denunciada onte en Lugo pola secretaria de Medio Ambiente, Terra e Montes do Sindicato Labrego Galego, Charo Sánchez Parga, e polos presidentes das mancomunidades de montes de Toca, en Samos, e de Lamagrande, en Láncara, Benjamín Valboa e Manolo Díaz, respectivamente.
Malia que a Lei de montes veciñais en man común especifica que estes non están suxeitos a ningunha contribución de base territorial; e que a Lei reguladora das facendas locais establece a exención do IBI dos montes comunais, na rolda de prensa de onte denunciaron que varias administracións locais da provincia de Lugo estanlles facendo efectivo o cobro do imposto de bens inmobles ás citadas mancomunidades de montes. Para a representante do SLG, o que isto vén demostrar é unha desinformación da lexislación e un excesivo afán recadador por parte desas administracións.
Máis afectados
Charo Sánchez sinalou que foi hai unha semana cando comezaron a ter constancia desta situación, logo de que varias comunidades de montes se puxeran en contacto co sindicato para informalos de que lles enviaran o recibo do IBI. Desde o Sindicato Labrego Galego decidiron facer públicos estes feitos para alertar a calquera outra comunidade de montes veciñais que poida estar afectada e que non contactase con eles e tamén para saber se hai algún caso noutra provincia que non sexa a de Lugo.
Segundo se puxo de manifesto onte na rolda de prensa, os recibos do IBI que lles están chegando a algunhas comunidades de montes veciñais foron remitidos pola Deputación Provincial, na que moitos concellos delegaron a recadación de varios impostos, entre eles o de bens inmobles.
Polo que respecta á cantidade que cada mancomunidade tería que pagar en concepto de dito imposto dependería en cada caso da superficie de monte. Nos casos dos que o Sindicato Labrego Galego tivo coñecemento ata o de agora hai recibos que van dende os 160 euros ata os máis de 400.
A secretaria de Medio Ambiente, Terra e Montes do Sindicato Labrego Galego puxo en coñecemento dos representantes das comunidades de montes veciñais en man común que aquelas que xa pagaran o imposto de bens inmobles poden acudir á súa entidade bancaria para devolver o recibo se aínda non transcorreron quince días dende que se efectuou o pago. Naqueles casos nos que o teñan domiciliado terán que recorrer para que lles devolvan o diñeiro.