«Para os discapacitados o teatro é unha forma de realizarse como persoa»

Iolanda Fernández

LUGO

17 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Esther Pedrouzo (Lugo, 1969), é a profesora do grupo teatral Pinchacarneiro. Un proxecto que cree nas posibilidades dos discapacitados.

-¿Con que finalidade naceu o grupo de teatro Pinchacarneiro?

-O que pretendemos é crear un grupo de teatro profesional integrado por persoas con algunha discapacidade. O noso exemplo a seguir é o grupo «La Mancha» de Cidade Real. Ambas formacións están integradas na Fundación Anade, unha organización que ten como principal obxectivo a inserción social e laboral das persoas con discapacidade ou enfermidade mental, a través da creación de grupos de teatro. No noso caso, ensaiamos tres días á semana nunha aula cedida pola Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade de Lugo (Aspnais).

-Imaxino que traballar con discapacitados é unha experiencia única...

-Polo de agora, o grupo fórmano 15 alumnos con idades que van dende os 22 ata os 45 anos e que, teñen diversas discapacidades: síndrome de down, diminuídos psíquicos ou mentais. Traballar con eles non é nin máis nin menos complicado que traballar con calquera outro alumno, é simplemente diferente. Os resultados aprécianse nun prazo de tempo moito máis longo pero, para eles, o teatro é unha forma de realizarse como persoa. A metodoloxía de traballo tamén é totalmente distinta. Neste caso, eu teño cos meus alumnos unha relación moito máis cerca e incluso moito máis «comprensiva».