Os nomes das casas do rural

Xaime López Arias

LUGO

A maioría das residencias das aldeas son coñecidas polo seu nome tradicional e non polo dos seus propietarios

06 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha das características sociolóxicas do medio rural galego é a importancia definitoria que presenta a Casa como unidade convivencial e de distinción das familias. Teñen todas elas nomes que veñen desde séculos sendo o elemento diferenciador das familias, de maneira que en moitos casos os apelidos son imprecisas referencias identificadoras e o apelativo da casa permite distinguir claramente aos individuos que a posúen ou viven nela.

Lamentablemente moitos dos nomes tradicionais veñen perdéndose, para dar paso a denominacións como Casa Pepe, Casa Manolo que aparte de supoñer a perda de denominación con grande carga sentimental e identificadora, fan que se dilúa o nivel de distinción.

Un traballo de recompilación de nomes tradicionais das casas no medio rural debe ir seguido dunha fixación dos mesmos, coa conseguinte rotulación. No País Vasco onde os caseríos conforman a distribución familiar e territorial os nomes tradicionais figuran postos e visibles nas paredes das casas, o que supón un recoñecemento da conservación das denominacións tradicionais, mentres que aquí en Galicia aparecen as Villa Rosa ou Villa Pepita, suplantadoras dos nomes propios derivados de paraxes, situación, profesións ou hidrónimos que vencellaban ás casas a un espazo xeográfico ou sentimental concreto e específico.

Coido que sería moi suxerinte que o Concello de Sarria levase adiante unha rotulación das casas do medio rural cos nomes propios, previas as normalizacións lingüísticas procedentes, de maneira que xunto coa numeración, que nada di nun medio disperso, apareza grafado o nome das distintas casas.

Camiño de Santiago

E para iniciar ese labor recuperador nada mellor que facelo en primeiro lugar nas aldeas que están a beira do camiño de Santiago, para o que (artesán hai en Sarria que poden sumarse ao proxecto), en materiais como pedra, madeira ou cerámica poderían fixarse os nomes desas unidades convencionais.

No treito sarriano do camiño Francés no lugar de Pintín figurarían as casas: Menor, Rodríguez, Pumares, Vela, Viuda, Cascalleiro, Cines, Camiño, Pepe, Xesús, Riba, Fidalgo e Caseiro. Na Aguiada: Rubial, Cancela, Piñeiro, Hospital, Habaneiro, Lousada, Antonio, Calceteira, Abel, Xastre, Vila, Cabadas e García. En Camiño; San Mamede e San Pedro. En Barbadelo e Vilei: Vicente, Anuncia, Penela, Baixo, Arxemil, Arias, Portugués, Zoqueiro, Daniel Cerralleiro, Rivera e Álvaro. En Eirexe: Mosteiro. En San Silvestre: Casiano e Pablo. En Rente: Beltrán, Casanova, Fino, Marcos e Aurelio. Na Serra: Casa Rica, Muiñas, Grila, Librada, Paco e Sita. En Marzán: Muíño. En Belante: Sistelo, Felicitas, Pena, Olga, Novelle, Casanova, Cabanela, Curro, Veiga, Núñez e Torre de Riba. Xa en Biville aparecen en Cortiñas: Pepe, Antonio, Baltasar, Fidalgo e Brais. En Lavandeira: Chousa, Casal, Cabo de Vila, Torres, Campo e Sixto. Na Pinza, no lugar da Brea: Luis, Euxenio, Xosé Luis, Manolo, Amadeo de Tras e Casa de Morgade.

As casas de Sarria están bastante ben localizadas no que o seu nome se refire e polo tanto non sería un grande traballo rotulalas.