O manifesto de Emilio Golás

Xaime López Arias

LUGO

Cando foi detido en 1946 este combatente, atopouse no seu poder un documento que rexeitaba actos achacados ao Partido Comunista na Guerra Civil Española

18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando foi da captura de Emilio Golás Rodríguez, o 29 de novembro de 1946, en Outeiro de Barán, entre as súas pertenzas atopou a Garda Civil un texto manuscrito en tres folios no que se recollía o contido dun manifesto do Partido Comunista e no que se fan presentes consideracións encol da táctica de opoñer actos non imputables a guerrilla:

«A opinión en xeral, dende hai un tempo vimos os comunistas sendo obxecto de profundos ataques, non só polos inimigos, Franco, Falanxistas, senón tamén por algúns mentecatos da chamada opinión democrática. Estes ataques fundaméntanse nunha cantidade de feitos que nós os comunistas auténticos somos os primeiros en lamentar, e para que no sucesivo a opinión en xeral saiba a nosa posición firme e honrada, velaí o fundamental na nosa liña de conduta.

O Partido Comunista con toda a súa forza áchase presente na vangarda formada por todos os partidos irmáns para o total aniquilamento do terror fascista, presta a esta liña titánica toda a súa calor e vida, sacrifica é empeña o máis valente e heroico dos seus cadros, leva ao seu campo de loita medios e actos verdadeiramente asombrosos e cada día multiplica coas súas forzas ben disciplinadas e aguerridas, golpes mortais ao inimigo en todos os recantos desta España martirizada, mais desta loita franca e nobre a querer facernos responsables de outros actos media un abismo.

Responsabilidade

Fíxose responsable a nosa dirección provincial -examínese o consello de Guerra celebrado na Coruña- de cantos feitos tiveron lugar na provincia dende hai moito tempo. Atribúeselle á mesma listas imaxinarias e ordes falsas con nomes de persoas que debían seren asasinadas ¿qué significa está innecesidade de falsidades e patrañas? Significa que a inflamada imaxinación dos esbirros policiacos do maior tirano que rexistra a historia da terra quixo e quere presentes ao PC como o autor de canto é detestable. Por iso saímos ao paso para desmontar esta maraña e somos consecuentes con todo o que é lóxico e a loita para derrocar a Franco e a súa pandilla de matarifes falanxistas.

Queremos, e non escatimaremos medio ningún, ver a bandeira vermella coa fouce e o martelo, símbolo da redención proletaria, ondear no pico máis alto da Península Ibérica. Queremos que se faga honra aos nosos actos revolucionarios.

Non nos facemos responsables morais nin materiais de cantos feitos son realizados sen que leven a autenticidade do selo bolchevique.

Dicimos ademais que os guerrilleiros comunistas non se dedican a baleirar faldriqueiras de vellas, senón que saiban doutros obxectivos aos que dirixen os seus tiros certeiros na arela de ferir de morte ao monstro apocalíptico, Franco e Falanxe. ¡Vivan os valentes loitadores antifranquistas! ¡Viva o Partido Comunista! Provincia de Lugo».