A Mesa anima a denunciar vulneracións do galego

La Voz

LUGO

A Mesa pola Normalización presentou onte en Lugo o proxecto A Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións e empresas, entre outros, que os vulneren. Está dispoñible no 902 106 474 -de oito da mañá a dez da noite os días laborables- e no correo linhadogalego@amesanl.org. A Mesa garante a confidencialidade de todas as informacións que lle cheguen, máis non tramita anónimos.

O responsable da Mesa en Lugo, Fernán Xosé Mourenza, recordou que grazas á colaboración cidadá están a desenvolver accións como o requirimento á xerencia do complexo Xeral-Calde para que cumpra coa Lei de Normalización Lingüística, ou a campaña para que o galego teña presenza na estación de autobuses. No acto interveu o coordinador de zonas da Mesa, Francisco Xosé Rei, e tamén se deu a coñecer o Voluntariado de Activación Lingüística. Farán especial fincapé no campus e no ámbito da mocidade para promover a formación de parellas de voluntarios e persoas activas que queiran aprender máis sobre a lingua e a cultura galegas. Finalmente, animaron a participar nunha manifestación que se celebrará en Santiago o 18 de maio baixo o lema «Polo dereito a vivirmos en galego».