«O concurso, para min, é como nacer de novo»

LUGO

Javier Loureiro Uriz ten 31 anos e vive na parroquia guitiricense de Pedrafita. É un dos concursantes que aínda quedan no programa Son de estrelas , que produce Voz Audiovisual e que emite a TVG. Nin o mundo da música nin o da actuación lle son alleos, pois canta na orquestra Acordes, á que chegou tras pasar por outros grupos. Nas actuacións televisivas interpretou cancións como La vida sigue igual e La puerta de Alcalá , o cal equivale a dicir que pasou de Julio Iglesias a Ana Belén e Víctor Manuel.

A presenza no concurso non o afasta das súas actividades cotiás, xa que segue a cantar coa devandita orquestra. Entrementres, espera as actuacións que o levarán cara ás semifinais, paso obrigado e previo á chegada á final. -¿Axuda ser cantante, como se dá no seu caso, para participar nun concurso destas características? -Para nada. O concurso, para min, é como nacer de novo. A tele esixe outra compostura, outra forma de saber estar. A orquestra ten un estilo máis lixeiro.

-¿Hai, logo, una interpretación diferente entre un apartado e outro?

-Aquí, no concurso, méteste máis no papel. Na orquestra hai cancións, como merentues ou cumbias, que teñen pouca interpretación. No concurso sácanche o mellor de ti.

-¿Que é para vostede?

-É un paso máis.

-¿Chegou a pensar algunha vez na posibilidade de gravar algún disco?

-Sempre quixen estar no mundo audiovisual. Gustaríame traballar con algún programa ou como colaborador de periódico. As portas que se me abren procurarei aproveitalas en calquera campo. O meu obxectivo é abrirme máis.

-¿Cómo é a relación entre os concursantes que acoden ao programa?

-Hai bastante bo rollo. Respectámonos bastante.

-¿Cre que o concurso supón unha promoción boa na súa traxectoria?

-É unha promoción boa; mellor, imposible. Eses segundos que che dá a televisión son un escaparate moi bo, non hai cartos que o paguen.