«A vida dá voltas, pero eu non aspiro máis que a ser alcalde»

La Voz

LUGO

Severino Rodríguez dubida dos políticos que se atribúen personalmente méritos que son colectivos

29 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde de Monforte non buscaba un posto nas candidaturas do BNG a estas eleccións. De feito, a súa primeira resposta foi que non. Pero finalmente, accedeu. Agora está metido de cheo na campaña. Como número dous da lista ao Congreso, Severino Rodríguez (Monforte, 1956) participa en mitins e está percorrendo todas as parroquias do seu municipio.

-¿Por que se resistiu tanto a ir na lista?

-Porque a miña traxectoria política empeza e remata en Monforte. Nas eleccións municipais comprometinme coa cidadanía a non me ir de Monforte. Ocupar o segundo posto da candidatura pode dar a sensación de que aspiro a marchar a Madrid.

-¿Nin a longo prazo se ve ocupando un cargo público fóra do Concello?

-A vida dá moitas voltas, pero a nivel político eu non aspiro máis que a ser alcalde de Monforte.

-¿E márcase un límite de tempo nese cargo?

-Non. Iso xa o irán dicindo os acontecementos, a organización na que eu milito e os cidadáns. Eu atópome con moitas ganas, e creo que o BNG pode facer moito por esta cidade. Do demais xa haberá tempo para falar, que aínda quedan tres anos para as próximas eleccións municipais.

-Aventure un resultado en Monforte. ¿Beneficiarase o BNG da maioría absoluta?

-O noso obxectivo é incrementar votos. E estamos convencidos de que se vai notar o labor no goberno municipal. En Monforte, o BNG ten gañada unha credibilidade entre a xente. Aínda que o certo é que estas eleccións están moi polarizadas entre PSOE e PP.

-A asistencia aos mitins das tres primeiras forzas foi moi semellante.

-Si, e no noso caso, foi moita máis xente que ao mitin da campaña das xerais de hai catro anos. Aínda que un mitin só é unha referencia.

-Dígame en poucas palabras por que lle interesa a Monforte que o BNG saque deputado por Lugo.

-Porque un BNG con forza en Madrid permitirá que Monforte e toda Galicia sexan escoitados, porque sería unha garantía de que se farán as grandes infraestruturas pendentes (e non falo só de carreteras), e porque así os concellos galegos poderán aspirar a un cambio dos criterios de reparto dos fondos estatais que incremente os seus ingresos nun 33%.

-¿Como pensan conseguir este último obxectivo?

-O BNG defenderá no Congreso que o Goberno central adopte un modelo distinto de reparto. O actual sistema é claramente discriminatorio para os concellos galegos, porque prima o criterio da poboación moi por riba dos demais, cun 75% do total do cálculo. En Galicia temos o 50% dos núcleos de poboación que hai no conxunto do Estado. E ese dato é fundamental para nós. A proposta que nos propoñemos defender establece unha nova fórmula nestes términos: 65% poboación, 10% superficie, 10% núcleos de poboación e 15% esforzo fiscal.

-José Blanco dixo no mitin do PSOE que a autovía a Ponferrada é un mérito persoal del. ¿Que lle parece?

-Os bos políticos non presumen así. Os méritos sempre son colectivos, e non individuais. Detesto aos salvadores. Monforte vivíu a moitos salvadores, e así nos foi.