A Fonte Ribeira é un dos sinais de identidade da vila de Sarria

Xaime López Arias

LUGO

Ata 1920 era o punto de encontro dos sarriaos e hoxe está a ser recuperada cunha actuación da Escola Obradoiro

24 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Escola Obradoiro está levando adiante a recuperación da Fonte Ribeira, que ese é o seu nome, e non o de Fonte da Ponte Ribeira que agora aparece en letras de molde.

Cando nos primeiros anos da década de 1960 unha desafortunada actuación municipal botou por terra a famosa fonte do século XVIII coa modernísima pretensión de que os autos tiveses acceso directo a entón recén posta en servizo praia fluvial, promocionada polo alcalde don Javier López Acevedo López, ningunha voz se alzou en defensa dun dos signos de identidade da vila, pois ata 1920 foi o lugar a onde había que ir na percura de auga para atender as necesidades de consumo dos sarriaos.

As pedras, na súa maior parte pasaron a ser usada no emparedamento do río, e fíxose un remedo da fonte a carón do Matadoiro, suprimindo o eirado onde tantos parrafeos amorosos se seguiran, de maneira que os Seat 600 e os Ondine, xunto coas camionetas das gaseosas, puideron entrar no areal artificial onde por algún tempo conviviron autos e bañistas.

Unha modernidade mal entendida botou por terra aquel monumento tan querido na vila, que ata se fala del na cantiga que empeza con «Viva Sarria porque tiene » e remata «y una fuente en la Ribera». As musas non deron para máis.

Emprazamento

Agora, e tomando como base as producións fotográficas, en novo emprazamento porque xa é imposible recuperar a antiga disposición, a Fonte Ribeira poderá ser contemplada grande e airosa, de maneira que volverá a se converter nun dos signos de identidade de Sarria.

O escudo dos Lemos cos seus roeis, lembranza do señorío exercido na vila e marquesado, que se vía raquítica fonte substitutiva e ben escondida baixo rasante, xurdirá anovada para formar un agradable conxunto co río, a fonte e o muíño.

Duns anos a esta parte houbo distintos intentos de facer realidade esta recuperación, que non deron froito, e por iso agora cando como unha regalía volveremos a contemplar unha versión actualizada, máis con todo representativa da vella traza, hai que felicitar aos responsables da Escola Obradoiro, porque recuperan para Sarria unha peza que a estulticia derrubou, e a nova sensibilidade fai que xurda de novo en todo o seu esplendor.

Son moitas as pequenas actuación que ao longo do camiño de Santiago se poden facer, para que o noso patrimonio teña proxección, e en materia de fontes hai moito que recuperar, sendo de desexar que se poden reproducir os desaparecidos remates da Fonte de Pacios de Calvos, na Pinza, porque era unha peza ben valiosa que agora, desmoucada,perdeu todo o seu encanto. E algo habería que pensar para a Fonte de Rente.