Os tres grupos políticos con representación na Deputación acordaron por unanimidade a adhesión do organismo provincial ao consorcio universitario Centro Asociado da UNED en Lugo, o que supón o compromiso por parte da Deputación de incluír nos futuros orzamentos deste organismo a cantidade de 200.000 euros para facer fronte ás obrigas derivadas da adhesión a dito consorcio, e tamén a participación da Deputación na Xunta Reitora deste consorcio, sendo designado como representante o vicepresidente do organismo provincial, Antón Bao.
Foi precisamente Bao o que se referiu á constitución deste consorcio como «un paso fundamental para a posta en funcionamento do devandito centro, polo que Lugo camiña con paso seguro para ter a UNED no vindeiro curso. Para elo, no primeiro trimestre do 2008 decidirase o director deste centro, así como as titulacións que se impartirán e o profesorado».
O punto anterior non foi o único dos que figuraban na orde do día do pleno celebrado onte na Deputación que foi aprobado por unanimidade, xa que o mesmo ocorreu coa proposta de adhesión deste organismo provincial ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Deste xeito, a Deputación comprométese a destinar unha partida dos seus orzamentos como achega anual ao citado Fondo para o financiamento dos proxectos que este aprobe, e tamén se amosa disposta a incrementar o compromiso económico do organismo provincial cos países en vías de desenvolvemento para aproximarse ao 0,7% recomendado por Nacións Unidas.
Minuto de silencio
José Ramón Gómez Besteiro, presidente do organismo provincial tomou a palabra ao inicio do pleno para facer unha breve semblanza de Luis Cordeiro Rodríguez, que faleceu o pasado luns e que presidira a Deputación entre os anos 1979 e 1983, sendo un dos artífices da creación do campus universitario lugués. Logo de transmitirlle as condolencias á familia en nome deste organismo, gardouse un minuto de silencio. Nesta sesión plenaria tamén se lembrou a outros membros da corporación provincial recentemente falecidos, como é o caso de José Regal e Álvaro Moral.