O Politécnico estréase na Rede cunha web chea de datos sobre a oferta formativa do centro

C. López

LUGO

28 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O instituto Politécnico de Lugo vén de sumarse aos centros da capital luguesa que dispoñen da súa propia páxina web, que neste caso ofrece abondosa información sobre o centro e a súa oferta formativa, que inclúe ESO, BAC e ciclos formativos de grao medio e de grao superior.

É precisamente a oferta formativa un dos apartados con máis peso na web www.politecnicolugo.es, que conta tamén cunha mensaxe de benvida e un percorrido virtual polas instalacións deste instituto. En canto á oferta propiamente dita, sobresaen ciclos centrados na sanidade, electricidade e electrónica, fabricación mecánica, madeira e moble, servizos á comunidade e edificación e obra civil. Tamén é posible acceder a apartados con información específica sobre o proxecto educativo do centro; o módulo profesional de formación en centros de traballo e o plano de actividades complementarias e extraescolares, entre elas a Semana Branca en Andorra, proposta polo departamento de Educación Física para os alumnos de cuarto de ESO e primeiro de Bacharelato.

Os que accedan a esta páxina tamén poderán coñecer os departamentos cos que conta o instituto Politécnico ou as actividades que se levan a cabo na súa Aula de Enerxías Renovables para dar a coñecer as enerxías limpas. Ademais, desde a sección de publicacións pódese acceder ao último número da revista Lugópolis, editada polo equipo de normalización lingüística deste instituto.

Os avisos, as preguntas frecuentes e a galería de fotos completan os contidos da páxina web deste instituto, que no apartado de enlaces permite o acceso a outras páxinas de interese, entre elas a web de José Romero Pérez sobre mecanizado fácil, ou o blog de Jesús G. Amillo, ambos profesores deste centro.

Dos nove institutos existentes na capital luguesa, son cinco os que dispoñen da súa propia web. Un dos primeiros en darse a coñecer a través da Rede foi o Lucus Augusti, que conta cunha completa páxina na que, ademais de ofrecer datos sobre o centro, as súas instalacións e museos e a información académica, recolle unha listaxe das novas e actividades máis interesantes relacionadas co instituto. O mesmo podería dicirse da web do IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes, que, a unha ampla información sobre todo o relacionado co centro, engade todo un conxunto de blogs sobre as propias materias que se imparten no centro ou sobre actividades levadas a cabo polo alumnado, coma os intercambios con outros institutos.

O IES Leiras Pulpeiro e o Sanxillao figuran tamén entre os centros que dispoñen de web propia, ademais, a do primeiro destes institutos foi renovada recentemente. Aínda que o IES As Mercedes carece de páxina en Internet, na Rede si é posible atopar traballos e artículos técnicos realizados polos alumnos do ciclo superior de Mantemento e Montaxe de Instalacións de Edificio e Proceso deste centro.