«Se non es vítima mortal, xa non es vítima»

Cristina López

LUGO

O avogado Santiago Míguez presenta un informe sobre a atención aos nenos que sofren a violencia de xénero

23 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Santiago Míguez Caridad, avogado e colaborador do Instituto Galego de Xestión para o terceiro sector e das organizacións Meniños e Save the children, participou onte nas sextas Xornadas locais sobre violencia de xénero, nas que deu a coñecer algunhas das conclusións do informe galego sobre atención aos nenos e nenas vítimas deste tipo de violencia.

Segundo dixo, aínda que na teoría se recoñeza que os nenos tamén son vítimas da violencia de xénero, na práctica trátase de vítimas invisibles. Neste sentido afirmou que son varios os avogados e xuíces que recoñecen que «a Lei de Violencia de Xénero prexudicou á infancia, porque se esqueceu dela». En relación con isto referiuse á lexislación existente, da que dixo que é tecnicamente inaxeitada, ata o punto que hai quen dubida que os xuízos rápidos sexan a mellor maneira de axudar ás mulleres que son maltratadas.

Outro dos aspectos do informe ao que se referiu Míguez foi a falta de coñecemento, é dicir, a ausencia de datos cuantitativos acerca da cifra de nenos que son vítimas da violencia de xénero. Na opinión deste avogado, de pouco sirve que se diga que o ano pasado morreron seis nenos a causa deste tipo de violencia, cando non se sabe nada deles e «que non coñezamos quen son fai que non poidamos actuar. Parece que se non es vítima mortal, non es vítima».

Copia de modelos

Previamente, a psicóloga Sofía Czalbowski sinalou que ao vivir nun ambiente no que a violencia é algo cotián, existe a posibilidade de que os fillos de mulleres maltratadas reproduzan eses comportamentos. Ademais, tal como afirmou, existen datos de que a violencia doméstica inflúe no fracaso escolar. Por outra parte, estes nenos poden converterse en vítimas potenciais doutro tipo de abusos ou maltratos.

Estas xornadas, nas que participan unhas 130 persoas, foron inauguradas polo presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen invitou á sociedade en xeral e aos medios de comunicación en particular a facer unha reflexión sensata sobre como se aborda e se afronta o problema da violencia de xénero; a concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, que afirmou que estas xornadas deben servir para buscar un futuro mellor e unha sociedade máis igualitaria e libre para as mulleres; e o subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, quen manifestou o seu desexo de que a violencia de xénero deixe de ser algún día un problema real e de que os resultados destas xornadas se poidan ver axiña.