As contas de Sarria en 1802

Xaime López Arias

LUGO

O presuposto do Concello foi de 10.204 reais. Como a vila non contaba con recursos propios tiña que recorrer a varios recargos sobre o consumo de distintos productos

07 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Don Manuel González Ledo, procurador síndico xeral da vila e marquesado de Sarria, rendeu contas das obras públicas levadas a cabo no ano 1802, para o que dispuxo dun total de 10.204 reais con 8 marabedís. Como a vila non tiña recursos propios para atender ás necesidades do común había que recorrer, sobre todo, á sisa do viño, para o que se poñían recargos sobre o consumo, polo que se xuntaron 8.720 reais (o 85,46% dos recursos dispoñibles), completando os fondos coa sisa da carne (100 reais), dar marcas (160), por forasteiros (609 venda de velas (3) e polo arrendo da abacería, onde se vendía peixe (200) ao que se uniron 961 reais e 8 marabedís tomados do depósito para obras públicas.

Gastos

Os gastos da vila en 1802 atenderon os seguintes conceptos: contribución de utensilios (5.840 reais e 4 marabedís), alcabala pagada aos Condes de Lemos (600), para axuda o pagamento do Deputado do Reino entregábase a cidade de Lugo 24,5 reais, pagamento do imposto de medio real por lume (23 reais e 6 marabedís), músico da Festa de Corpus (40), a un ferreiro por arranxar a romana oficial (12), balanza, pratiños, libras e medias libras para os fornos (76), a Xosé Fernández por compoñer os camiños de Esqueiredos (200), a Casimiro Lois por composición dos alicerces das pontes da Áspera, Mazadoiro e Vella (200), ao carpinteiro Xoán Antón pola feitura de 4 balanzas e pratiños de pau para os 4 fornos (24), a Manuel de Santa Eufemia por cocer o cal para as obras da vila (20), por 3 libras de cera para a función de Corpus (60), ao pregador pola plática de Pentecostés (15), a Xosé López, de Ribela, polo cepo da obriga e o seu carreto (20), por velas gastadas na función de primeiro de ano (1 real e 26 marabedís), por gastos de procurador síndico (60), polo arranxo do camiño dos Esqueiredos (160), polo socorro a vagos e malentretidos e cordas de presos de levas (76), pola composición do reloxo da vila axustado en presenza dos vocais do Axuntamento (800) e finalmente 300 para o para o arranxo das fontes da vila (San Salvador e Ponte Ribeira). O total dos gastos foi de 9.501 reais e 19 marabedís, quedando o síndico en deberlle a vila 700 reais e 11 marabedís.

Era a Sarria do 1802 unha comunidade pobre, incapaz de soster unha escola, e que cifraba toda súa dispoñibilidade nos recargos que se poñían riba do consumo do viño, da carne, peixe e velas, e polo dereito de aferir as marcas, que era a taxa que había que pagar por contratar os ferrados, potes, varas, libras, olas e netos en evitación de máis ca posiblesfraudes.