NO OUTEIRO | O |
18 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O ACORDO entre socialistas e nacionalistas para o Concello de Lugo semella cada vez máis lonxe, se temos en conta as duras declaracións dalgúns nacionalistas contra de Xosé López Orozco. O BNG vai esparexer polas casas e rúas 42.000 exemplares dun boletín que vai ter de informativo o que ten de rancor contra de Orozco, ao que acusan de ser o principal atranco á hora de alcanzar un pacto. A verdade é que o BNG, se quere lanzar boletíns informativos, debería facelo criticando as deficiencias que ten este municipio e propoñendo opcións de goberno, pero tirar os cartos en dicir o que xa todos lles ouvimos por activa e por pasiva nos medios de comunicación, resulta xa reiterativo e pouco sorprendente. Deberían pensar se así se gañan máis votos, se iso é polo que vota a cidadanía ou se só se trata de premer sobre o alcalde de Lugo para que ceda e permita ao Bloque Nacionalista Galego acceder ao goberno do Concello. Xa sabemos que a política se move por intereses partidistas máis que por resolver os asuntos que preocupan aos cidadáns, que non son os da olleriza e o desprestixio así sen máis. A xente, os lugueses e luguesas, o que queren son iniciativas, resultados, e non coitelos afiados na moa dos asuntos que, se non saen, semella que o fan do embigo dunhas poucas persoas. Se é unha estratexia, nalgún momento deberá ter fin, porque cando menos se pensa revolve o vento e todos acabamos vendo a cinza.