Crónica | Francisco Vázquez Saco Este sarriano ocupou varios anos o posto de Rector do Seminario de Lugo. Foi nomeado membro da Real Academia Galega e vocal do centro de Estudos Xacobeos
09 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Don Francisco Manuel Vázquez Saco naceu en Sarria o 24 de outubro de 1897. Cursou estudios eclesiásticos no Seminario de Lugo e na Universidade Pontificia de Comillas, sendo ordeado presbítero en 1922. No ano 1937 foi designado Cóengo lectoral de Lugo e Rector do Seminario. Doutor en Filosofía e Teoloxía e Licenciado en Dereito Canónico, ocupou o cargo de presidente da comisión provincial de Monumentos Históricos e Artísticos, ata o seu falecemento e outros cargos máis, aos que nos referiremos. No ano 1958 foi nomeado membro de comisión para a conservación de edificios e obxectos eclesiásticos, sendo tamén vocal do centro de estudios Xacobeos de Santiago. Unha das facetas menos coñecida da súa vida e obra é a da súa actividade poética, que iniciou sendo mozo, no ano 1916. Estaba na metade da carreira, cando presentou unha poesía ao certame literario Mariano de Lleida que foi premiada. Un ano máis tarde concorría con outra baixo o lema Muera la escuela sin Dios , no concurso catequístico de Ferrol. En 1948 compartiu o premio polo traballo Artistas que trabajaron en la catedral lucense. Como director do diario de Lugo La Voz de la Verdad, cargo que tivo durante varios anos, realizou unha meritoria función publicando nel varias poesías coas que se podería facer unha valiosa antoloxía. Revista Para as mozas de Acción Católica creou a folliña Sursum, título que xa dera a outra revista fundada no Seminario. Na das rapazas, e baixo a sinatura El Consiliario Diocesano, publicou distintos traballos cheos de sabios consellos, útiles consignas dignas directrices. Na folliña parroquial Antena, publicaba unha sección na que trataba temas relacionados co seminario como as vocacións e as virtudes sacerdotais. Numerario da Real Academia Galega desde o 14 de xuño de 1952, data na que se lle deu posesión nun acto solemne que tivo lugar no Círculo das Artes, amosou sempre un amor especial a Galicia e Sarria, sendo proverbial a súa capacidade de traballo, que o levou a coñecer coma ninguén os arquivos locais, dando luz a moitos traballos de investigación histórica. Autor del Refraneiro Galego e outros materiais de tradición oral, un dos traballo nos que puxo máis ilusión e entusiasmo, importante colección de máis de 22.000 refráns, con moitas anotacións de coincidencias con con outros asturiáns, casteláns, portugueses, que foi editada no 2003 pola Xunta (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades). O Concello de Sarria en sesión de 15 de xullo de 1947, a proposta do alcalde don Antonio Peña Villamarín, nomeouno Fillo Predilecto. Orador sagrado de sentidas palabras, hai tamén que facer referencia o seu discurso: Una curiosa singularidad de la diplomática lucense en los siglos de la Alta edad media, pronunciado na sesión de investidura como membro da Real Academia Galega. Erudito comprometido con Galicia, foi sobre todo un home de igrexa, e por moitos anos o encargado da formación dos futuros sacerdotes como Rector do Seminario. Correspondente da Academia da Historia e Vocal da Xunta do Museo de Lugo, as súas vacacións na vila de Sarria adicounas decote a investigar diariamente nos arquivos, sentando así as bases da historia local dun modo rigoroso. Faleceu en Lugo o 27 de decembro de 1962.