De grelos e deterxentes éticos

Lucía R. Insua LUGO

LUGO

Reportaxe | Por un consumo responsable A oenegé A Cova da Terra dispón da única tenda de comercio xusto da cidade, na que, ademais de ofrecer produtos ecolóxicos, realiza tarefas de concienciación social

01 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Consumir dunha maneira respectuosa coa natureza, coas persoas e cos dereitos laborais da xente é o obxectivo con que naceu a oenegé A Cova da Terra no 1994. Trece anos despois e con máis de cincuenta e cinco colaboradores, a súa tenda en Lugo é un «espazo diferente, de consumo xusto», no que o visitante pode atopar produtos moi variados. Desde grelos envasados ao natural, pan fresco e legumes e cereais a granel, ata comida para bebés, prendas de roupa, deterxentes ecolóxicos, produtos de artesanía, discos e libros. ¿Que perfil teñen os clientes habituais? «A maior parte son mozos con inquedanzas sociais, aínda que o máis frecuente é unha muller de entre 35 e 50 anos que busca unha alimentación máis sana por medio dun produto con garantía e calidade», explica unha das responsables da asociación, Clara Raposo. A filosofía do comercio xusto vencellouse nun principio coa defensa dos dereitos do terceiro mundo. Co tempo as cousa mudaron, e hoxe en día poden participar todos os produtores que cumpran unhas garantías a nivel comercial, ético e ecolóxico. «Lugo aínda é pouco produtora de produtos ecolóxicos», resalta Raposo, e comenta que na provincia unicamente contan cun subministrador de leite, un de pan, un de mel, outro de ovos e dous de produtos de horta. En canto aos artigos que veñen de fóra, a veterana activista nas campañas a prol do 0,7% para os países pobres indica que existe unha rede de comercio xusto que os subministra, aínda que A Cova fai algunha importación directa, como as bonecas contacontos de Filipinas. Local social Ademais de ofrecer un punto de consumo distinto, concienciar ao consumidor para que sexa «responsable, consciente e activo» é a outra base da Cova da Terra. «É importante cambiar a nivel individual, pero para transformar a sociedade necesítase o colectivo. El presionará ás empresas e aos políticos para que as leis sexan máis humanas», sinala Clara. Con este fin, a parte traseira da tenda é un local social no que organizan charlas, proxeccións, talleres, reunións de grupos e clubes de lectura. Durante o curso realizan campañas de sensibilización nos colexios, e no verán montan postos en feiras e romaxes dentro e fóra da provincia. «Este tipo de tendas non son viables no rural, e para chegar á xente hai que acudir a ela», conclúe.