NO OUTEIRO | O |
18 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.FOI O propio Xesús Alonso Montero, autor do libro Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1926-2006) , presentado o luns en Sargadelos, quen deu pé á miña reflexión. Ao longo desas 600 páxinas inclúense capítulos relevantes para o noso pasado. Nun deles aparece un rexistro inédito da acta orixinal da I Asemblea de intelectuais do PCG, acontecido en marzo de 1977. O documento conservouno o profesor de Literatura grazas a esa súa «vocación de formiga», de ir arquivando cousas, segundo el mesmo declarou. Na devandita acta figuran nomes e apelidos que a todos nos soan, como Emilio Pérez Touriño, Fernando Salgado ou Abel Caballero, entre outros amais do que leva o autor desta obra dedicada a David Álvarez, que vive en San Martín de Suarna, na Fonsagrada. Coa súa habitual ironía e contundencia, esa circunstancia que se dá no seo do Goberno da Xunta encamiñou a Alonso Montero a pronunciar: «Estamos gobernados por comunistas». Algúns matizarán dicindo que en todo caso se trataría de ex comunistas. Pero máis có dito, o relevante quizais foi o silencio que dominou na sala des que Alonso soltou tal afirmación. Mesmo aquí, na miña man, debería ser así, anque non sen lembrar a todos aqueles intelectuais -aos citados no libro e outros máis, comunistas ou non- que axudaron e fixeron posible a volta da democracia.