De Carioca e Kairoga a Quiroga

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LUGO

Reportaxe | Curiosidades da toponimia local Un estudo realizado por especialistas do Instituto da Lingua Galega pon de manifesto a longa historia e o arraigo cultural dun dos nomes máis característicos do sur lucense

02 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

UN TOPÓNIMO ARRAIGADO. O nome de Quiroga aparece escrito por primeira vez na súa forma actual en documentos do século XIII A vila de Quiroga non é o único lugar de Galicia que se coñece por este nome -ou por algunha das súas variantes-, pero si é a maior poboación galega que ostenta un topónimo deste tipo. Un estudo realizado polos filólogos Xosé Afonso Álvarez, Xacinta Varela e Antón Santamarina, incluído na obra Lingua e territorio , recén editada en Internet polo Instituto da Lingua Galega, destaca o importante papel que este nome ten, por diversos motivos, na historia do sur lucense. Os especialistas non teñen moitas dúbidas en canto á orixe do nome. Todo indica que procede do arbusto do mesmo nome, tamén coñecido como carrasco ou carpaza, moi abundante na comarca. Non obstante, as designacións similares á da quiroga -queiroga, queiruga queirota, queiroa, queirúa, quiroa...- aplícanse tamén en galego a diversas especies de plantas arbustivas dos xéneros calluna , erica e daboecia . A raíz común destas palabras, segundo os investigadores, «é claramente galega, ou ten en Galicia a súa representación máis abondosa». A este respecto sinalan que nos territorios veciños de Asturias, León e o norte de Portugal tamén existen denominacións tradicionais para estas plantas que son idénticas ou moi semellantes ás galegas, pero que eses nomes vanse facendo máis escasos canto máis lonxe se está de Galicia. No resto da Península, «a palabra é de dubidosa existencia», agregan Os autores do estudo sinalan que o arbusto do que probablemente tomou o nome o municipio, a Calluna vulgaris , ten unha presenza moi rechamante na paisaxe. «As queirogas teñen unha floración abundantísima, que chamaba a atención mesmo desde lonxe; os montes poñíanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro», indican. A planta, ademais, destaca pola súa capacidade para producir mel, ten diversos usos medicinais e as súas varas utilizábase tradicionalmente para alumear as casas a modo de velas, pola súa combustión lenta. Por todos estes motivos, non é de estrañar que o seu nome se convertese en topónimo para designar os lugares onde era especialmente abundante, como é o caso das montañas de Quiroga e do Courel. Na súa forma actual, o nome de Quiroga aparece mencionado por primeira vez en documentos escritos en latín no ano 1215, pero con anterioridade figura con moi diferentes formas, referidas á Quiroga do sur lucense ou a outras localidades que posúen nomes iguais ou similares: Carioca, Karioca, Carioga, Cairoga, Karioga, Qairoga, Queyroga... No século VI A mención máis antiga do nome que localizaron os autores do estudo refírese ás terras da actual comarca quiroguesa e aparece en dous documentos do ano 569. Estes textos mencionan a existencia do antigo condado de Carioca, que volve a aparecer mencionado nun documento do ano 929. O nome de Quiroga tamén está moi estendido como apelido. O estudo sinala que no censo do 2002 figuraban máis de 3.300 galegos que se chaman desta forma. As comarcas de Quiroga e Lemos, -engaden- destacan particularmente no conxunto de Galicia pola abundancia deste apelido, polo que, ao seu parecer, non hai dúbida de que tal forma onomástica procede orixinalmente desta zona.