María Mariño será recordada no Courel o 17 de maio

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LUGO

En directo | Día das Letras Galegas A Real Academia estuda organizar actos no municipio onde a escritora pasou grande parte da súa vida e onde compuxo a súas principais obras literarias

22 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? Real Academia Galega estuda celebrar no Courel algúns dos actos centrais do próximo Día das Letras Galegas, dedicado á escritora María Mariño, segundo lle comunicou esta institución ao concello courelao en resposta a unha petición que lle dirixiu hai varios meses. Os académicos e os responsables municipais non determinaron aínda que tipo de actos poderán levarse a cabo neste municipio, o que se decidirá posiblemente entre finais do mes próximo e primeiros de abril. Tampouco está decidido polo momento o escenario desta celebración. O escritor e académico lucense Darío Xohán Cabana opina que os actos poderían levarse a cabo na aldea de Parada, onde a escritora viviu a última etapa da súa vida. «Alí foi onde María Mariño coñeceu a Uxío Novoneyra, quen a influíu para que escribise poesía en galego, e alí foi onde compuxo o máis importante da súa obra. Parada é ademais un lugar impresionante», apunta. Non obstante, o alcalde do Courel sinala o inconveniente de que en Parada non existe un local adecuado para celebrar actos culturais. «De momento non está nada decidido, primeiro temos que falar coa Academia e veremos como se poden facer as cousas», comenta. As celebracións oficiais do próximo 17 de maio, previsiblemente, tamén se desenvolverán en parte na vila coruñesa de Noia, onde naceu a escritora. Os actos do Día das Letras Galegas teñen normalmente por centro o lugar natal de cada escritor homenaxeado, pero no caso de María Mariño, O Courel tamén terá un papel destacado, dada a intensa relación que tivo a escritora con esta zona.