Crónica | O Oural novo O peón ferroviario Manuel Rodríguez foi a primeira persona destinada na estación deste lugar que hoxe é un núcleo urbano completamente consolidado
17 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A chegada do ferrocarril a Sarria (1880/1882) trouxo unha grande transformación das zonas por onde pasaba esta vía, dando lugar a novos asentamentos poboacionais, tal é o caso do Oural, que sendo un lugar antigo de reminiscencias medievais no seu primitivo emprazamento (o Oural vello), viu medrar a Estación, como un apéndice especializado derredor da vía do tren e das estradas de Valdeorras e do Incio, ata consolidarse como un segundo núcleo do concello sarriao, chamado a unha vida urbana e sen ataduras como comunidade ben diferenciada. A construción do longo túnel do Oural e a instalación das dependencias ferroviarias, coa consecución dunha estación que orixinariamente daría nome ao barrio (barrio da Estación do Ferrocarril, nos censos), será o xermolo inicial do núcleo do Oural novo e, sen dúbida ningunha, tratándose inicialmente da existencia de tan só catro familias, con un total de 23 persoas, asentadas nos edificios da compañía dos camiños de ferro do Norte, podemos concretar as circunstancias dalgúns dos primeiros poboadores. En 1889, sete anos despois do remate das obras do túnel, e xa coa estación a pleno rendemento vivían no Oural estas familias. Celedonio Sánchez Hernández, natural de Macotera (Salamanca), que era o xefe da estación, estaba casado con Adelaida Martínez Campo Menéndez e tiña tres fillas chamadas Fidela, Amparo e Isabel. Levaban dous anos vivindo no lugar. Ademais tiñan no mesmo domicilio a Pedro Lamazares Guerra, telegrafista, natural de Palencia. José Calvo Domenech, garda agullas nacido en Pedrola (Zaragoza), estaba casado con María Villar García, natural de Puentes (Soria) e tiñan un fillo chamado Cesáreo. Antonio García Vales, capataz nacido en Oza (A Coruña), casado con Antonio Seoane Gestal e tiña por fillos a Manuel (xastre), María, José María, Antonio Francisco e Ramón María e lavaban cinco anos vivindo no Oural. Pioneiro Desde 1881, é dicir figurando como pioneiro e fundador, vivía na estación Manuel Rodríguez Pardo, que era peón ferroviario e estaba casado con Dolores Vila Rubinos e tiñan por fillos a Manuela, Josefa, Estrella e Baldomera. Ademais convivía con eles un peón solteiro chamado Manuel Méndez Mouriz, que nacera en Outeiro de Rei. Nestes primeiros anos de vida no nacente Oural Novo vemos como as familias xiran todas derredor do ferrocarril, agás o Manuel García Seoane que traballaba como xastre. A actividade ferroviaria atraerá mais adiante a outras persoas que van alzando casas na indecisa estrema das parroquias de Chorente e San Sadurniño de Froián, ocupando terreos derredor das casas da estación e na estrada de Valdeorras, coa implantación de tendas e fondas que permiten consolidar unha localidade dividida entre as dúas parroquias e que coa construción da factoría de cementos e que co equipamento posterior de servizos e institucións públicas alcanzará a finais do século XX a condición de núcleo urbano ben consolidado. Agora, cando se pretende que a condición de segunda comunidade dentro do termo municipal teña un recoñecemento xurídico é bon momento para lembrar a aqueles pioneiros procedentes dos mais lonxanos lugares, e alleos a terra de Froián, que botaron a andar o novo Oural, e, en especial porque oito anos despois do nacemento do lugar permanecían nel, hai que darlles a categoría de fundadores aos membros da familia Rodríguez Pardo Vila Rubinos, pois poucas veces unha poboación pode gardar memoria de quen a fixo nacer. Os actuais veciños do Oural saben como naceu esta poboación, e agora tamén poden coñecer a aqueles que alí tiveron casa aberta e con fumes. Eran traballadores do ferrocarril.