O parque natural que non foi

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LUGO

CARLOS RUEDA

Reportaxe | Unha proposta esquecida de ordenación ambiental A Sociedade Galega de Historia Natural solicitou hai dez anos a creación dun amplo espazo protexido que englobase as serras do Courel e de Enciña da Lastra

08 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

PAISAXE E XEOLOXÍA. A SGHN resaltou na súa proposta, entre outros valores naturais da Serra do Courel, as formacións xeolóxicas de orixe glaciar que poden observarse no val da Seara ?ai case dez anos, en maio de 1997, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) formulou unha proposta de creación dun parque natural no Courel sensiblemente diferente do proxecto que manexa agora a Consellería de Medio Ambiente e do que elaborara este mesmo departamento no anterior goberno autonómico. O que propoñía esta entidade era un parque que englobase os espazos naturais da Serra do Courel e da serra valdeorresa de Enciña da Lastra, xunto con algúns territorios limítrofes da provincia de León. A proposta da SGHN, que tivo escasa difusión no seu momento, foi remitida á Xunta, ao goberno autonómico de Castela-León e ao Ministerio de Medio Ambiente. A asociación baseábase na consideración de que as serras do Courel e de Enciña da Lastra «constitúen unha unidade bioxeográfica natural» e, ademais da proximidade xeográfica, comparten numerosos trazos comúns en canto á xeoloxía, flora e fauna. Dezaseis concellos O parque proxectado pola SGHN debería ter en conxunto unha superficie 88.732 hectáreas, polo que sería «o espazo protexido máis sobranceiro de Galicia e tería entidade propia na rede de espazos naturais do noroeste ibérico». Este espazo abarcaría, segundo esta proposta, «as serras do Courel, do Oribio e do Rañadoiro, as serras do Bierzo leonés limítrofe con Lugo ao sur da N-VI e as serras de Cereixidos, dos Cabalos, da Enciña da Lastra e os montes de Oulego». O parque comprendería territorios dos municipios do Courel, Quiroga, O Cebreiro, Triacastela e Samos (en Lugo), A Rúa, O Barco, Vilamartín e Rubiá (en Ourense) e Barjas, Carucedo, Corullón, Oencia, Puente de Domingo Flórez, Sobrado e Vega de Valcarce (en León). Pasada unha década, a proposta da SGHN cumpriuse polo menos en parte. A Serra de Enciña da Lastra goza da categoría de parque natural desde o 2002. A Serra do Courel, que ía ser englobada nun só parque coa Serra dos Ancares, encóntrase actualmente en vías de adquirir esta condición.