O belén de La Voz será presentado hoxe a colectivos de toda a provincia

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

O acto, público e de acceso libre, celebrarase ás oito do serán na Galería Sargadelos Tamén será dado a coñecer un traballo coas máis recentes investigacións sobre vestimenta galega

06 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Representantes de asociacións de toda a provincia de Lugo, fundamentalmente relacionadas coa música e coa cultura tradicional, asistirán esta tarde, ás oito, na Galería Sargadelos, á presentación do belén que dende o próximo domingo vai sacar La Voz de Galicia na súa edición de Lugo. Son unha ducia de figuras feitas en resina, que teñen a orixinalidade de estar vestidas con reproducións fieis de traxes tradicionais das diferentes comarcas da provincia, froito dun traballo de investigación realizado por estudosos como o presidente da Asociación Cultural María Castaña. Precisamente, no acto desta tarde tamén será presentado un estudo coas investigacións máis recentes realizadas neste eido da etnografía. Ademais das persoas vinculadas coa cultura tradicional, o acto está aberto ao público en xeral. No escaparate da Galería Sargadelos, na praza de Santo Domingo, estará exposto o belén, coas súas figuras de tamaño grande, xunto cunha colección de cerámica de Sargadelos tamén con pezas de motivos tradicionais. Dende o domingo ata o día 22 irá saíndo unha figura cada día, que se poderá mercar por un euro xunto co xornal. Ao mesmo tempo, La Voz publicará traballos sobre cada peza, explicando a procedencia, funcións e todo tipo de datos específicos de cada traxe, completando o traballo de difusión do vestiario que se empregaba ata hai menos dun século nas aldeas e poboacións lucenses e nas diferentes funcións.