«Comparar a Quintana con Beiras é unha ilusión óptica»

Benigno Lázare LUGO

LUGO

PRADERO

Entrevista | Alberte Rodríguez Feixóo INTEGRANTE DA LISTA DE A ALTERNATIVA PARA A DIRECCIÓN DO BNG Como é persoa que non se arruga ante o debate, non lle preocupan os ataques políticos, pero si o ostracismo ao que di que está sometido pola dirección do Bloque

24 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Na asemblea de Esquerda Nacionalista celebrada en maio, coa asistencia de invitados da UPG, puxeron un vídeo no que aparecían persoeiros que foron de EN pero que actualmente xa non están, como Beiras e Encarna Otero. Ao final, Alberte Xullo Rodríguez Feixóo fixo unha alocución na que dixo que non esquecen o pasado e que recoñecen o traballo feito tamén por persoas que tomaron outros camiños dentro do Bloque. «Nós non somos stalinistas», afirmou naquela ocasión, en referencia á práctica do líder soviético de borrar das fotos ao seu antecesor, Lenin. -¿Síntese borrado da foto no BNG? -Estou completamente borrado do BNG; como se non houbera existido nunca. Eu vivo así moi tranquilo, pero a imaxe é esa. -Desde hai tempo, vostede é un dos máis críticos no Bloque. ¿Síntese especialmente perseguido ou vixiado? -Vixiado non é a palabra adecuada, pero, dende logo, apartado de todo tipo de práctica política, si. Noto un certo desprezo. Pero non son eu só, incluso llo fan a compañeiros da UPG: Bautista Álvarez está desaparecido; Pepe Díaz, de Ferrol, e Rosa Darriba, tamén. Todos os que formabamos o grupo parlamentario anterior é como se non existiramos. Non se conta con nós para nada. Isto non o fai ningún partido político, porque os demais exhiben orgullosos o seu Felipe González de turno, a Alfonso Guerra ou a Aznar. Ninguén borra dun plumazo o seu pasado, máis se, coma nós, se levou ao BNG ás cotas máis altas de representación. A nova dirección prefire non exhibir a aqueles que tiveron algo de protagonismo porque iso igual empanaba a súa percepción actual. Claro, comparar a Quintana con Beiras é unha ilusión óptica. -Non se lle transixen cousas que aos demais si. -Nin se me transixen nin se me deixan de transixir: simplemente me teñen absolutamente ignorado e apartado. -¿A Alternativa é como EN pero con incorporacións e sen Beiras? -É un grupo de militantes sen adscrición partidaria que se reúnen porque cren que hai cousas que se poden facer mellor no BNG, e o reunirse atopan puntos de encontro cos que o partido coincide e intégrase plenamente. -Vostede é o primeiro home da lista que van presentar a asemblea dentro duns días, e en Lugo, dous dos tres integrantes do grupo municipal, entre eles o alcaldable, tamén forman parte desta nova corrente. ¿Teñen máis forza aquí que noutras provincias? -Non, en todas as localidades está parella a incidencia ou a implicación da xente. Por exemplo, en Coruña, dos seis concelleiros tamén hai dous, e noutras zonas hai concelleiros alcaldes, deputados. -Gallardón aprazou ata finais de maio a lectura do libro sobre Aguirre. ¿Aprazarán vostedes en Lugo a explicación do trasfondo da falta de entendemento coa dirección comarcal? -Non é unha falta de entendemento. Suso Méndez traslada un pensamento político que dende logo non coincide co noso. Sería cuestión de entablar un debate moi sereno, moi tranquilo, sin alporizacións, non como o último que houbo para tratar as emendas, no que tivemos que asistir a comentarios irónicos e veladas alusións ás que non quixemos responder. Iso non axuda a atopar puntos de encontro. -¿En que sentido foron eses comentarios e ironías? -Foron xenéricas, provocando o chiste fácil e a risa do compañeiro máis acérrimo. É o típico dunha asemblea na que, sabendo que se ten a maioría, en lugar de haber un debate sereo sobre as ideas permítense o luxo de facer algún tipo de ironía que non vén a conto.