Entrevista | Antonio Reigosa
16 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Cunha orixinal montaxe, na tardiña de onte foi presentado no Museo o libro de Antonio Reigosa A escola de Briador , editado na colección infantil Montaña encantada , de Everest. No acto interviñeron a xerente, Encarna Lago; a editora Irene Penas; a ilustradora Noemí López; Cristina Lombao, como lectora; Darío Xoán Cabana, como loador, e Antón Castro na súa condición de romanceador. Reigosa, que traballa no Museo, non descarta que ese lugar teña influencia na súa literatura. -¿Que é «A escola de Briador», unha ficción ou unha realidade presentada como ficción? -É un libro de ficción, pero protagonizado por trasnos, porque se trata de recuperar a literatura que había ao redor dun ser tan simpático coma o trasno. A ficción o que fai é situar os trasnos nun momento no que non gozan de gran prestixio, porque case ninguén cre neles, e a tecnoloxía actual tampouco lles axuda. O que se fai é buscar unha desculpa como é abrir unha escola para recuperar as mañas que tiñan os trasnos, e ponse á fronte Briador, que é o trasno maior da parroquia. -¿Por que Briador? -O nome non forma parte da tradición galega pero, por un lado, paréceme moi sonoro, e por outro, é un dos nomes que se lle daba ao cabalo de Roldán. Tendo en conta a tradición, que lle daba a ese cabalo a capacidade para saltar grandes buratos ou de lado a lado dun río, incluso se fala de que deixou as súas pegadas nalgún sitio, este trasno non se vai quedar sen nome potente e reivindica que ten capacidades tan grandes como tiña ese cabalo. -Di que os trasnos autóctonos están de capa caída, sen embargo, na literatura xuvenil os máximos éxitos mundiais teñen o fantástico como trasunto. -É certo iso, porque seres míticos protagonizando aventuras para rapaces hai moitísimos, especialmente o duende na literatura española, pero tamén é certo que a historia oral, que forma parte da tradición, é a que está de capa caída. Agora o que quedan son pequenos retallos das trasnadas, non hai historias completas que nos falen de trasnos en Galicia. -Polo que se ve, a necesidade desa literatura mantense e séguese consumindo. ¿É unha cuestión mediática e imponse o que se fai en Inglaterra ou nos Estados Unidos? -Todos bebemos da tradición; uns máis e outros menos, pero quen diga que non ten como fonte creativa a tradición, minte. Pero, dende o meu punto de vista, os personaxes ou os seres míticos que se empregan na creación de obras para rapaces, non están definidos; valen para a nosa tradición e para calquera. Eu o que pretendín neste libro foi reflectir características dos relatos que veñen da tradición oral galega e que se dicía, e aínda se di aquí, que forman parte da historia da xente.