Crónica | A Asociación Católica de Pais de Familia de Sarria Un grupo de sarriaos, preocupados fundamentalmente pola educación dos seus fillos, crearon esta agrupación de tipo confesional en 1932
11 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O 31 de agosto de 1932 don Severino Vázquez Pereira, don Eugenio López Rubín, don Marcelino Franco, don Matías Vázquez e don Juan García presentaron no Goberno Civil de Lugo os estatutos da Asociación Católica de Padres de Familia de Sarria. Trátase dunha asociación de tipo confesional creada en Sarria no tempo da II República. Establecido o seu domicilio social no número 54 da Rúa Maior (Casa de Faustino Lois) e tiña por finalidade organizar a mutua axuda dos seus afiliados para o cumprimento dos seus deberes na educación dos seus fillos, defender os dereitos dos pais de familia en canto se refire a educación e instrución dos seus fillos, protexer e fomentar a educación cristiá na xuventude, contribuír á formación da conciencia dos pais de familia respecto dos seus deberes na vida familiar e na vida social e cooperar na loita contra os malos costumes e a inmoralidade pública. Para o cumprimento destes fins a asociación utilizará tódos os medios ao seu alcance, actuando sempre dentro das normas xerais da Acción Católica. Deban preponderancia ao exercicio do dereito de petición e protesta perante os poderes públicos, difundindo os seis ideais por medio da propaganda oral e escrita. Comprometíanse a organizar conferencias, ciclos de estudos, cursiños de formación social, mitins e actos públicos. Para fomentar a educación cristián da xuventude tratarían de subvencionar e crear escolas establecendo becas e preocuparíanse pola fundación de centros encamiñados ao melloramento da cultura. Tamén prevían organizar colonias e cantinas escolares, cooperativas, mutualidades infantís e outras obras de carácter extraescolar. Ademais crearían bibliotecas, difundirían a prensa católica e atenderían á moralización dos espectáculos, organizando nos locais de que puidesen dispoñer seccións de cinematógrafo educativo e moral. Adherida a Asociación e Confederación Católica de Pais de Familia de España quedou incorporada a federación establecida na Diocese de Lugo e á Confederación Nacional. Os socios podían ser numerarios, protectores e adherentes, e debían pagar unha cota mínima de 25 céntimos cada mes. Se pagaban dúas pesetas tiñan a consideración de socios protectores. E non podía darse disolución mentres houbese un mínimo de 20 socios. Para o caso de disolución prevían destinar o remanente dos seus bens á Xunta Diocesana de Acción Católica. A asociación acordou organizarse con seccións nos centros de ensino e seccións parroquiais, presididas cada unha por un delegado.