«A Igrexa necesita curas ben formados»

Teresa Batán ANTAS DE ULLA

LUGO

Entrevista | David Varela Vázquez Este xove sacerdote veciño de Antas vaise para Roma por encargo do Obispado

27 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Este novo sacerdote da comarca marcha esta semana para Roma para continuar os seus estudos de Teoloxía Dogmática, por encargo da Diocese. Antes de partir coméntanos as súas vivencias e esperanzas de futuro. -¿Que balance fai da súa vida dende que, vai facer agora tres meses, foi ordenado sacerdote? -O balance é, dende logo, positivo, esperanzador e gozoso. Están sendo, estes primeiros meses sacerdotais, tempos moi fermosos e emotivos, pola ledicia de chegar a unha meta e porque esta meta do sacerdocio é, ao mesmo tempo, un camiño aberto de servizo e de entrega a Cristo nos irmáns. Os mellores días da miña vida, sen dúbida. -¿Cre que naceu con vocación dende sempre, ou algún elemento externo puido influír máis? -Para ser xustos coa verdade habería que dicir: as dúas cousas. Dunha banda, a vocación, en canto chamada de Deus, perténcenos a todas as persoas. Somos chamados, vocacionados, alomenos a vivir e a ser cristiáns. Neste sentido, «nacemos» xa con vocación. Pero, ao mesmo tempo, Deus segue chamado a través das persoas, das situacións, das experiencias para que concretemos a nosa resposta nun estilo de vida. -É unha persoa moi activa: Fundou o coro parroquial, foi membro do grupo de Teatro, lector asiduo da biblioteca pública, recibiu algúns premios¿ Este espírito participativo e activo, ¿en que lle vai valer na súa vida como sacerdote? -Todas estas experiencias enriquecedoras téñenme axudado. Persoalmente, servíronme para cultivar habilidades básicas como a intervención pública, a expresión escrita... E, a nivel práctico, foron positivas para iniciarme no que significa o traballo comunitario ou en equipo, algo que hoxe é imprescindible na acción pastoral. -¿Sabe que hai xente que di: «Que pena que un rapaz con Matrícula de Honra sexa cura»? -Si, téñenmo dito moitas persoas. Pero a diferenza entre esa maneira de pensar e a miña forma de comprender a vida está en que, dende a nosa perspectiva de fe, ser chamado por Deus ao sacerdocio, é responder positivamente a esta chamada, non é ningunha «pena». Non creo que unha vida entregada ao sacerdocio sexa unha vida desaproveitada. É máis: moitos rapaces que buscan aproveitar e poñer ao servizo dos demais as súas capacidades, poderían ter aquí un camiño: un sacerdote axuda moito a vivir. -A asignatura de relixión na escola, ¿que lle aportou? -Sobre todo, comprender e afianzar a convicción de que a relixión ten o seu lugar dentro da formación da persoa. Do mesmo xeito que nos interesamos pola historia, as ciencias, as linguas... precisamos, para unha formación integral, afondar no fenómeno relixioso como constitutivo do humano, e no cristianismo en particular. Sen esta referencia, non comprendemos nada de canto somos, persoalmente, en Europa e no mundo. -Estuda en Roma Teoloxía Dogmática. ¿Que vantaxes ten para o seu futuro? -Ante todo, debo dicir que a razón de estar en Roma non é persoal. É froito dun envío e dun encargo da Diocese para que amplíe a miña formación teolóxica. Sucedeu e está a suceder con máis compañeiros que están comigo en Roma, en Salamanca, en Madrid... A Igrexa precisa sacerdotes que afonden na súa formación, e de xeito multidisciplinar, para un mellor servizo pastoral. Precisamente iso é o único que temos de «vantaxe»: Teremos que dar conta do noso traballo servindo máis e mellor naquelo no que nos formamos. Hai que engadir, con todo, que estas oportunidades de formación tamén nos enriquecen persoalmente, pero iso é, por dicilo así, un segundo momento. O primordial é o servizo diocesano. -Fixo ou está a facer tamén a licenciatura en Psicoloxía. ¿Que valor lle atopa para a súa vida como cura? -Aínda que hai un tempo que fixen un paréntese neses estudos, para dedicarme máis intensamente á Teoloxía, creo que a Psicoloxía (como tamén a Socioloxía, a ciencia...) pode axudar moito á evanxelización. Cando se pensa, se estuda e se fai Psicoloxía partindo dunha comprensión correcta, integral e equilibrada do ser humano, entón resulta un instrumento decisivo para a axuda á persoa, para comprender os seus procesos, os seus conflitos, para o crecemento e a maduración, para axudar a vivir, en definitiva. -¿Como lle gustaría que fose a súa parroquia? -Creo que só podo dicir: como a Igrexa queira que sexa. Non nos toca decidir nin pedir esta ou aquela realidade parroquial, senón traballar naquelo que temos e naquelo que a Igrexa nos encomende. E traballar na liña que se espera que percorra toda parroquia: ser unha verdadeira comunidade de fe, onde se vive, se comparte, se celebra, se medra e se transmite a fe en Xesucristo como a única esperanza para o mundo. -¿Por que os mozos van pouco á Igrexa? -Coido que non é posible dar unha única resposta. É un feito que non só non participan da vida eclesial, senón que, viven indiferentes e ao marxe da relixión. Ó único que se chega por este camiño é a falta de sentido. Pero as causas son múltiples, e comprenden aos cristiáns, á sociedade que construímos, aos medios de comunicación e grandes grupos de pensamento, e aos mozos. É urxente traballar por refacer os vencellos de unión entre a mocidade e a fe cristiá, polo seu propio ben e polo da sociedade en xeral.