Crónica | Música con raíces Máis de trescentas persoas admiraron o bo traballo das trece tocadoras que participaron na Festa da Pandeira do Piornedo
28 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A Festa da Pandeira, realizada en Piornedo de Donís (Cervantes) o pasado sábado, desenvolveuse segundo oprevisto. Acudiron casi todas as tocadoras invitadas máis algunha expontanea, trece en total, que deron unha visión moi interesante dos folclores musicais das súas respectivas localidades, distribuídas entre as provincias de Lugo, León e Asturias, máis ou menos coincidentes cos Ancares. Aínda que moitos tiveron que quedar no exterior, xuntáronse en total sobre 300 espectadores aproximadamente, que encheron a vella escola. A pesares da falta de espazo e da calor, permaneceron moi atentos ás evolucións das tocadoras. Elas foron interpretando os seus temas, que supoñen un valioso tesouro musical case descoñecido para o gran público posto que estas músicas, aínda que son identificativas dos tres territorios, non teñen un valor comercial e hai décadas que foron eclipsadas pola música moderna. Entre o público había investigadores da música tradicional e integrantes de agrupacións galegas tan prestixiosas como O Fiadeiro de Vigo, Brincadeira de Santiago ou Ruote da Coruña que, aínda que xa tiñan informacións interesantes sobre do tema, puideron botar no mesmo día unha ollada xeral á pandeira de toda esa zona ancaresa. Outra persoa destacada foi Pablo Quintana, un home vinculado á música galega dende hai varias décadas como cantautor, recopilador de materiais tradicionais e produtor de edicións discográficas, quen aportou a súa experiencia e medios para a gravación en audio do acto. Implicado tamén na organización, o gaiteiro e investigador da música tradicional Juanjo Fernández fixo de presentador das tocadoras, aportando datos sobre os seus estilos e xéneros musicais. Importante foi a asistencia dos propios veciños de Piornedo que acudiron casi ó completo, así como veciños doutros lugares da zona. A asociación cultural O Teixeiro e o grupo Polavila, organizadores do acto, tiñan como un dos obxectivos principais acadar unha boa presencia autóctona que permitira aos máis novos descubrir as excelencias dun folclore que lles é propio pero que nunca viron desa maneira e dos máis vellos, que poideron revivir todas esas polavilas e bailes perdidos. Como presencia institucional contouse coa asistencia do delegado de Cultura de Lugo, Juan José Molina, quen foi un dos encargados de entregar agasallos e diplomas ás participantes. Os outros encargados deste labor foron o presidente da asociación cultural O Teixeiro, o cura da parroquia e o celador de Piornedo. Este celador, resulta ser a figura que ostenta a autoridade do pobo, cargo de carácter histórico que se alternan unha por unha e cada mes, todas as casas do Piornedo, xunto cun libro no que se escriben as incidencias ocurridas.