Pechado

LUGO

DESDE EL ADARVE | O |

31 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NON HAI voltas. Estamos na mesma canción de todos os veráns. Chegan os meses estivais e os hospitais e centros médicos quedan baixo mínimos, mentres que os sufridos pacientes desespéranse por non ser atendidos e por listas de espera que aumentan. Todo é un problema de cartos. Sabemos que a sanidade é cara, pero tamén o poden ser outros gastos que para moitos cidadáns non son tan necesarios como si o poden ser a atención médica, a educación ou os servizos sociais. Mentres nos quedamos no verán sen persoal sanitario porque se vai de vacacións -merecidas, todo hai que dicilo-, Galicia exporta médicos e enfermeiros a outros países e comunidades. Iso si, e sei que é demagoxia da efectiva, pero que non nos quiten os millóns de festas, papatorias, concertos inútiles e demais despilfarros que vivimos nesta Galicia de sete cidades, decenas de comarcas e 315 concellos. E claro, cada un quere o mellor campus, pontes, festas e feriais de todo tipo; e non para medrar, senón para competir entre parroquias, vilas, municipios e urbes. Paciencia se pide unha cita para o seu médico de cabeceira e lle dan para tres días despois. E logo din que non nos automediquemos e que non gastemos en fármacos. De risa.