TRIBUNA | O |
13 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ESTE ANO celebrouse na nosa cidade o quinto Paseo Literario (o pasado 17 de maio), que, por primeira vez na súa corta historia, non se fixo expresamente por rúas con nomenclatura literaria. Nesta ocasión, ademais de celebrar o primeiro aniversario do polémico Paseo dos Escritores, que transcorre polo lado esquerdo da praza Maior e remata onde o noso Patrimonio da Humanidade, dividindo en dous a rúa Bispo Aguirre, rematamos o paseo na maxestosa praza de Santa María, co fin de enchela con boas vibracións para que fora todo un éxito o espectáculo que se preparaba para o pasado día 20 de maio nesa mesma praza, a fin de celebrar os 25 anos do Parlamento de Galicia con Diálogo coa palabra, diálogo de identidade . Un paseo que só pretende unha homenaxe aos nosos devanceiros literarios, e que se fai coa máis nobre intención para agasallar ao público cun traballo que se pretende sexa o máis digno posible e que está moi lonxe de ideoloxías ou símbolos. E iso é todo o que se pretende dende a formación de Ágora Cultural. E iso foi o que se fixo o mércores 17 de maio na nosa cidade, un paseo literario que non chegou ao destino porque nunca se pretendeu chegar a unha meta para que nos deran paos sen merecelos. Foi por iso que non fixemos o paseo por onde estaba programado inicialmente. Polo tanto e con respecto ás declaracións que se fixeron dende algún partido político, cualificando de «covardía» o evitar un percorrido que xa era tradicional coa ofrenda floral a Rosalía de Castro, é unha terrible equivocación, xa que os paseos literarios nunca remataron no parque de Rosalía de Castro, salvo o do ano 2000, exercicio que se lle dedicou ao esposo de Rosalía, o historiador Manuel Murguía. Ben é certo, aínda que non é o caso, que tradicionalmente se lle fai a ofrenda floral á grande poetisa Rosalía de Castro no San Froilán, o Domingo das Mozas, e que este ano pasado estivo a cargo da actriz e directora teatral lucense Tareixa Campo. Desexo que o colectivo Ágora Cultural continúe a ofrecer á cidadanía lucense todo o que nas súas mans estea posible e que poida seguir a colaborar co noso Concello de Lugo para poder encher de cultura a nosa cidade. redac.lugo@lavoz.es