As árbores e a cidade

MANUEL XOSÉ NEIRA

LUGO

BÚCARO DE VIOLETAS | O |

02 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SOMOS un país ou nación europea? Semella que non. ¿Saben por que? Polas árbores. Dime Real, que é un labrego que vén botarme unhas patacas na leira, que moito gusto das árbores. Pero é que Lugo centro, Lugo cidade con pasado romano, non ten unha árbore de achego, ornamental e vizosa, plenamente europea. Dándose como se dan os castiñeiros indios que botan unha preciosa flor dependurante coma unha cabeleira libérrima e contida de muller. Como se dan as magnolias, como se dan as tilleiras de claro signo simbólico xermánico. Como se dan os prunos ou abruñeiros, como se dan os paulonios que son unha galanía de flor coma de estralo. Todas as temos na nosa praza do Ferrol. Dous fermosísimos paulonios. Dime o magnífico pintor Quique Bordell, meu amigo, «as árbores son árbores». En efecto Quique, pero son civilizadas, as árbores son civilización, cultura, progreso, desenvolvemento, Europa urbanita e non monte por onde non pasou Xesucristo. Dicía o crego Chao Ledo dos montes de Vilalba: «Onde os montes son xardíns». Antes a campía de Otero Pedrayo era toda ila un xardín pola man traballadora do home. Estragados pola grafiose os negrillos da praza Maior e da rampla á Muralla Patrimonio de la Humanidad pola porta de Santiago. ¿Onde temos as árbores? Din en Madrid, dinllo os achegados á baronesa Thyssen, que o alcalde Alberto Ruíz Gallardón quere aserrar as árbores dun coñecido paseo artístico. Árbores igual a cultura. Non o esquezamos. É vergoñento que en Galicia non haxa cidades modélicas con árbores de ornamento para o disfrute de todos. Din os cafres e salvaxes de Fernando Sánchez Drago: «Métete xardineiro». Pois se cadra. redac.lugo@lavoz.es