¿Debería dimitir Cacharro?

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

23 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

MOITOS están a pedir a dimisión do presidente da Deputación Provincial. Din que logo das actuacións que está a levar adiante o fiscal xefe da Audiencia Provincial, Cacharro Pardo non ten outra saída. E se algunha posible lle quedaba, talvez quebrara despois de que algúns dos detidos cantaran, é dicir, confesaran, o pago de comisións. ¿Sabía algo disto Francisco Cacharro? ¿Ou tivo coñecemento do asunto, tamén, polos medios de comunicación? Non digo eu, nin sequera insinúo máis aló de lanzar a pregunta, que o presidente da Deputación tivera coñecemento da fraude que presuntamente se lle imputa a uns funcionarios da institución que preside el. Sería bo, non obstante, que nolo explicara a todos. Que nos diga abertamente se coñecía ou non das andanzas destes que, ao parecer, actuaban de xeito ilegal á hora da contratación de obras que concedía a Deputación. Curiosamente, disque o 80% das mesmas, sorpréndanse, recaía nunhas sociedades que eran propiedade, directa ou indirectamente, dalgúns destes funcionarios detidos. Polo tanto, o presidente da Deputación debe explicarnos até que punto coñecía ou descoñecía este proceder ilícito. Non vale que en paga diso, se lle pida aos xornalistas, que só cumpren co seu traballo -igual ca fai o fiscal-, que o deixen tranquilo. Non, porque non é agora o momento da tranquilidade. É, se acaso, o de asumir as responsabilidades. É dicir, se sabía, porque sabía. E se non sabía nada, tamén terá que cargar ao lombo con iso. Polo tanto, se Cacharro non quere seguir danando ao PP, que tanto o apoiou, o lóxico sería que non puxera atrancos á investigación xudicial. Non contestarei eu a pregunta do titular. Que o faga cada quen. E o propio Cacharro tamén.