«Pedirei un edificio novo para Topografía e Obras Públicas»

Cristina López LUGO

LUGO

ÓSCAR CELA

Entrevista | Carlos Herrero Latorre Todos os retos que figuran no programa da candidatura na que vai Herrero xiran en torno á adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, que xa está a traer melloras para Lugo

05 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Confiando en repetir no cargo para que o campus de Lugo non perda posicións e siga sendo o mellor de Galicia entre os non principais, así asume Herrero este proceso electoral. -Desde o punto de vista de desempeño do cargo foron catro anos apaixoantes, dun intenso traballo, que me permitiron ter unha visión global e un coñecemento da institución. Este difícil traballo foi unha tarefa compartida cos tres vicerreitores adxuntos Ramón Velo, Manuel Cifuentes e Ángeles Cabarcos. Desde a vertente institucional foron anos difíciles, nos que fomos quen de reconducir unha situación económica complexa para que o campus lucense seguise medrando, por exemplo, coa creación de dúas novas titulacións, coa ampliación da oferta de posgrao e de doutoramento e co reforzo das infraestructuras, como é o caso do edificio dos servizos centrais de investigación, ou doutras obras previstas como as da segunda fase da sede da Vicerreitoría, as do Ibader e a reforma dos laboratorios da Facultade de Ciencias. Destacar ademais que pese a non existir unha bonanza económica foi posible a consolidación do persoal docente, con 177 profesores contratados, ou o que é o mesmo, un de cada tres no campus de Lugo. -Agora que se presenta á reelección, ¿que aspectos do campus lugués son os que máis lle preocupan? -Os novos retos aos que nos enfrontamos derívanse da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, que implicará modificacións no noso quefacer diario. Así pois, teremos que ensinar a aprender e acomodarnos ao novo catálogo de titulacións, cunha nova oferta de grao e de posgrao. Neste sentido, quero sinalar que en setembro, na Facultade de Humanidades, está prevista a posta en marcha dun curso experimental de posgrao de Servizos culturais. Esa adaptación tamén traerá consigo unha modificación das infraestruturas, polo que cremos que é necesario un novo edificio para albergar as titulacións de Topografía e Obras Públicas, baixo o manto común de Centro de Enxeñería Civil. En canto ás persoas, o reto reside na consolidación do persoal docente, investigador e, moi especialmente no caso de Lugo, do de administración e servizos. -¿Cales serán as súas prioridades no caso de saír novamente elixido? -Se algo aprendín nestes catro anos é que aquí os logros son transversais; por iso, máis que de prioridades eu falaría de obxectivos importantes, e todos eles pasan pola adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, no que figuran todas as cuestións que consideramos prioritarias, xa sexan as relativas á oferta académica ou ao labor do profesorado. -¿Como se pode facer para achegar a Universidade á xente? -Ese é outro dos retos que aparece no noso programa electoral. Neste sentido, considero que a Universidade ten que estar inserida na sociedade, porque é ela a que a financia, e tamén lle ten que estar prestando un servizo, xa sexa como xeradora e transmisora de cultura ou como responsable da traslación á sociedade dos resultados do seu labor emprendedor. En relación con isto teño que dicir con satisfación que a USC, en calquera dos seus dous campos, é unha referencia no ámbito do emprendemento e tamén do voluntariado, ata o punto de que os nosos proxectos son imitados por outras Universidades.