Reportaxe | Achegamento ás tradicións Escolares lucenses e membros de distintas asociacións participan nunhas xornadas nas que aprenden como se facía antes a roupa e confeccionan prendas, bolsos ou alfombras
19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Antes de que Amancio Ortega empezase a xestar o seu grande imperio téxtil e o mundo se fose enchendo de tendas de Zara, eran as avóas e as nais de moitos de nós as que facían a roupa en teares. Sen embargo, o que noutros tempos era todo un acontecemento, posto que moitas mulleres se reunían nas fías -tamén chamadas polavila-, hoxe está a piques de converterse nunha tradición esquecida. Non está sendo así para os escolares que están a participar nas xornadas de achegamento ao tear tradicional e á artesanía de la, que promove o Concello de Lugo. Ao longo de dez días, uns 170 nenos e nenas iranse achegando ata o centro social de Fingoi para descubrir, con esa curiosidade innata que os caracteriza, todos os segredos dun tear tradicional. E a xulgar polo que viron e viviron o pasado martes, no primeiro día destas xornadas abofé que a experiencia promete resultar moi gratificante para todos, tanto para as mestras como para os alumnos. Elas porque manteñen a esperanza de que as novas xeracións non acaben xubilando os teares e eles porque poden aprender a facer as súas propias prendas e descubrir que a roupa non é algo que simplemente está nas tendas, do mesmo xeito que o leite non se dá no cartón do supermercado. Nesta ocasión, os primeiros en coñecer o manexo do tear foron unha quincena de membros de Cogami, que, guiados por unha especialista na materia como é Carmen Rodríguez -Carmiña para os que a coñecen-, non tardaron en aprender o manexo do aparello e en dar forma aos seus primeiros deseños. Mesmo houbo un par de alumnas que non descartaron a posibilidade de quitarlle o posto á súa mestra. Para Mari, Ruth, Iván e o resto de compañeiros, o que máis lles chamou a atención e tamén o que lles resultou máis gracioso foi o movemento que hai que facer cos pés para ir manexando o tear, pero sobre todo, o que lles fixo sentir mellor foi o feito de sentirse útiles por unhas horas. Pero nestas xornadas, os escolares non só van aprender a manexar un tear, senón que a sala onde teñen lugar estas sesións están cheas de pezas e artiluxios ligados con esta tradición e coa difícil tarefa de traballar o liño, así como de sabas, alfombras, manteis, bufandas, toallas, bolsos e outras prendas xa feitas. Polo tanto, mentres os alumnos van pasando o fío, Carmiña vailles explicando o que é un fuso, unha carda ou unha rocha, que a algún dos nenos lles soará dalgún conto infantil. Tamén poden ver a algunha das monitoras fiando mentres non están traballando co tear. Despois dunha hora descubrindo os segredos da confección de tecidos hai uns anos, a coordinadora, Carmen Rodríguez, xa non se sorprende de que os escolares se sintan tan atraídos pola posibilidade de facer a súa propia roupa ou de levar para a casa unha prenda feita por eles. Pase o que pase no futuro con esta tradición e coas encargadas de transmitila, hoxe por hoxe, o que máis lamentan algúns destes nenos é que aos Reis Magos de Oriente non se lles poida pedir un tear.