Sobre gustos

RUTH FERNÁNDEZ

LUGO

EN FEMININO | O |

04 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

LUGO ESTÁ de moda. Así se reflicte no número sete da revista Moda Gallega editada por este xornal e que foi presentada o luns no salón de actos de Caixa Galicia contando coa presenza do director de márketing do grupo Caramelo, quen aseguraba que este tipo de iniciativas son as que axudan a afianzar a imaxe da nosa moda. Se nos preguntamos polo éxito de deseñadores galegos como Roberto Verino, Adolfo Domínguez, Antonio Pernas, Kina Fernández ou Caramelo debemos pensar na súa constancia e no esforzo realizado, o que lles permite estar á altura nun mercado onde quizais non é posible competir con outras empresas de países menos desenvolvidos que se constitúen como grandes industrias do sector textil, pero onde si era necesario crear un espazo propio e ben definido, capaz logo de traspasar fronteiras. Sobre o futuro da moda galega teño escoitado falar a Verino, un dos pioneiros no que se refire ao despegue da moda en Galicia, de que as claves do éxito van precisamente por ese terreo: a creatividade e o estilo persoal, sumados a un esforzo incansable nun afán de superación propio. E falando de Verino, en 1997 foi a primeira empresa de moda que acadou a certificación de calidade ISO, viaxa á miña mente a lembranza dunha idea pronunciada nunca ocasión polo deseñador ourensán. Dicía que empresas como Armani, Gucci, ou Chanel funcionaban ben sobre todo pola súa imaxinación. Esa creatividade é a esencia que hai que manter para conseguir unha moda propia, con peso nas pasarelas nacionais, que fagan do sector galego un punto de referencia, nun intento de vender e crear orgullo de país, o que non é pouco. O acto de presentación das tendencias para primavera-verán rematou cun cóctel servido nun marco incomparable, o claustro da catedral, o que fixo que a cita rematara cun doce sabor para os que asistimos ao evento.