¿Ha ser desta?

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

17 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A MIÚDO sufrimos cortes de luz que apagan de súpeto os nosos ordenadores e desprograman o espertador, o tanque do leite, quedan sen corrente nas emisoras de radio, etc. Sen embargo, Fenosa, ao igual ca outras grandes empresas deste e distinto ámbito, como algunhas de telefonía, vén de incrementar un ano máis os seus beneficios. Un 144 por cento. ¿Imaxinan que ocorrera así coas contas que temos nos bancos e caixas? ¡Non ho, non teñan medo! O caso é que Fenosa aumentou a súa cifra de negocio un 35,9%, acadou reducir a súa débeda bruta e o prezo por acción medrou un 62,4 por cento, acadando un valor de 31,43 euros. Que non está mal tendo en conta que en 2004 non chegaba aos 20 euros. Loxicamente, é de ledicia que unha compañía coma esta acade tan bos resultados, malia que nalgunha medida sexa tamén como consecuencia da cantidade de fábricas da luz que cortan excesivamente o vieiro normal dos nosos ríos, e doutros. Alegraríanos máis se esa cifra de negocio que supera os 6.075 millóns de euros supuxera unha morea de investimentos para nós. E para as nosas necesidades, que as temos. ¿Ha ser desta? Hai aldeas da provincia onde non poden poñer varios electrodomésticos ao mesmo tempo, porque non chega a tensión. Noutros sitios ou neses mesmos, un deficiente subministro ou as caídas de tensión apaguen a cada pouco o alumeado público. E son famosos os sitios onde, por dicir un caso, celebran o fin de ano a plena luz do día, para evitar que lles pase como nalgunha ocasión, ao quedaren sen electricidade toda a noite que despide o ano. ¿Serán quen estes beneficios de mellorar o subministro eléctrico que Fenosa lle dá á provincia? ¿Suporá un incremento salarial para os empregados? ¿Aproveitaranse para I+D+i? En definitiva, ¿farannos máis felices a todos?