As postais como documento histórico

En directo | «Imaxes de Lugo» Ata o mércores pódese ver en Sargadelos unha mostra sobre a historia e???a vida da capital lucense


lugo

É moi posible que ao coleccionista se lle poida aplicar o refrán aquel de que comer, ao igual que rascar, só quere que principiar. Abofé que si. Porque a Xan Cancela nunca polo maxín se lle pasaría que logo da primeira había arrexuntar hogano máis de 2.000 postais, a meirande parte referidas á cidade da Muralla. Malia esa inxente cantidade, a súa colleita está aínda lonxe de rematares, pois non fai máis ca recibir as últimiñas dende o Brasil.Unha bagaxe coma esa convérteo nun bo coñecedor do Lugo de antano, posibilítao para falar de como era a cidade antes e mesmo faino sabedor dunha morea de anécdotas estampadas nas tarxetas. Algunhas tan deste xeito como aquela do anoxo que enviaban algúns veciños por lles querer quitar aquí a horta, co gallo de facer unha grande praza. Pero como a calquera outro coleccionista, tamén lle agrada que iso que foi do seu gusto particular poida ser ollado e valorado polos demais. E incluso, que sexa a escusa perfecta para facerse acompañar dun historiador da envergadura de Adolfo de Abel Vilela, quen, aproveitando a exposición Imaxes de Lugo (que os interesados poden ollar na Galería Sargadelos até o día 15 de febreiro), vén de conferenciar sobre dalgúns dos aspectos que nos permiten observar as devanditas postais. Lembren que o aparente non debe levarnos ao engano, pois se ben trátase de simples pero significativas tarxetas de correos, moitas delas engaden unha compoñente humana, xa que mesmo hainas que aproveitando un curruncho da postal, de esguello, os remitentes escribían alí algunha última anotación. Algo que co demais só fai de engádega, pois a bo seguro que no seu día moitas delas converteríanse na achega sentimental dos emigrados para coa súa terra. Había ser, é, en definitiva, un algo evocador: unhas verbas e unha imaxe enchidas de esperanza. Xan Cancela en absoluto permanece alleo a ese agrego que posúen as súas postais. Cómpre, por iso, que canda a mirada crítica -non da exposición en si senón ao decatármonos da desfeita producida en materia de urbanismo, da que deu fe Abel Vilela- cavilemos tamén nesoutro factor, o sentimental, o dos recordos. Uns e outros non poucas veces irían xunguidos, pois abonda con reparar no que sería o desenvolvemento normal das accións tipicamente cotiás. Así, por exemplo, mirando algunhas das retrospectivas teremos ocasión non só de ver senón de imaxinar ás mozas e mozos do Lugo de 1860, aproveitando que había que encher os cántaros de arxila coa auga que vertía a desaparecida Fonte dos Leóns. Noutras, en troques, será a praza do Campo, Santo Domingo ou mesmo quererán recoñecer alí algunhas das rúas que hoxe semellan irrecoñecibles para nós. Mesmo, incluso, baixo o título de O Lugo da República , acharemos nas postais de Cancela imaxes que enchen toda unha época histórica. E todo elo grazas á teimosía dun coleccionista como Xan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

As postais como documento histórico