NO OUTEIRO | O |
31 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.EN SERIO, algo debemos ter nós para que nos paguen menos cós demais. Porque agás que se demostre o contrario, os lucenses esforzámonos coma o resto. Temos os salarios máis baixos, as pensións, as gasolinas máis caras, o céntimo sanitario, etc, pero cando imos a mercar unhas laranxas, unha botella de viño ou os cereais para almorzar, vimos pagando o que un barcelonés ou madrileño. Logo, ¿converxemos ou imos cara atrás coma aqueles cangrexos que animaban os nosos ríos? Semella que a primeira. Segundo o Seminario de Estudos Galegos, o nivel medio de renda galega está un 34% por baixo da de comunidades ricas como Madrid. Outro estudo, este do sindicato CIG, vén de sinalar tamén que un traballador lucense ingresa ao ano (por rendas de traballo) uns 2.279 euros menos cá media española. E con respecto á galega, obteríamos 976 menos de media co resto dos nosos paisanos. Isto é, que en paga de converxer coas comunidades e provincias máis ricas de Galicia e resto de España, semella que os lucenses só temos a lúa salarial en minguante. A ver cando diaño entra en crecente. Outro tanto ocorre, non crean, se o comparamos en termos europeos. Déixenme que advirta xa da insinuación seguinte. ¡Oian!, inda vamos ter que mirarnos ao espello, non sexa que teñamos cara de parvos. Porque a ver logo que nos paguen como os que menos traballando coma os que máis. Algunha razón haberá. Vale que si, que teñamos unha dependencia exterior importante, dispersión e avellentamento poboacional, pouca industria e inmigración, e sexamos máis conformistas ca outros á hora de negociar os convenios, pero... Qué culpa teremos nós de que inda por riba non funcionen ou se apliquen mal os mecanismos de redistribución da pobreza. E que témolas todas, eh!