Minutos moi animados

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

30 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

«CONTAN as lendas que un día ao ano, no San Xoán, os humanos poden acceder ao mundo máxico dos trasnos e fadas». Máis ou menos deste xeito o escribía William Shakespeare en Midsummer¿s Night Dream , e así dá comezo a historia da fita gañadora do Goya ao mellor filme de animación: O soño dunha noite de San Xoán . Trátase dunha produción realizada pola produtora galega Dygra Films, que finalmente se impuxo, entre outras, a Gisaku , da tamén galega Filmax. Podemos afirmar, polo tanto, que Galicia é unha potencia no que á produción deste tipo de cine se refire. Lembremos neste eido títulos como O bosque animado , gañadora anos atrás de dous premios Goya. A gala de entrega acostuma a ser abondo tediosa, no que aos saúdos dos galardoados atinxe, tan ledos, eles, que non fan máis ca acordárense da súa familia e demais amigos. Un aburrimento. Sen embargo, ás veces hai a quen paga a pena darlle ese intre de micro aberto e sen o retardo da censura norteamericana nos Óscar. Lembro agora á princesiña Candela Peña ou tamén ós directores Corbacho e Pedro Masó, xuventude e mais experiencia. Pero tampouco quixera eu esquecer o acordo tido polos produtores galegos á entidade financeira Caixanova, máxime nunha noite de tanto glamour onde talvez, ao igual que no filme premiado, houbera alí máis dunha Elena (incrédula dos soños), Lisandro (o sempre necesario inventor) e Perecho (un trasno caralludo mais non exento da vontade de axudar). ¿Por que Caixanova? De primeiras, saíndo do caso concreto que nos ocupaba, por ser unha entidade que vén apostando polo sector audiovisual galego. Fixérano máis outras e as institucións publicas. E de segundas, por colaboracións tan importantes no eido cultural como ocorre aquí en Lugo coa Mostra de Teatro Clásico. Parabéns.