DESDE EL ADARVE
09 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.EN TERRA DE naide. A min que me deixen nalgún lugar sen bandeira. Xa sei que é o mellor sitio para levar tódolos paus e que resulta máis cómodo arrimar as costas a un trapo, por se acaso, pero négome a bailar ó son da música dos GPS, físicos ou históricos. Non coñezo os termos exactos da proposta do BNG sobre a reforma estatutaria. Poida que coincida en moitas cousas sobre a evidente galeguidade dalgúns concellos limítrofes con Lugo, incluso en rexeitar o envelenamento que fan certos sectores das iniciativas para conservar e fomentar o uso do galego en Asturias e no Bierzo. Si, hai xente bruta que turraría contra o ensino do galego na Veiga alentando en cambio academias de chinés ou ruso, poño por caso. Aínda así, tocarnos as gaitas, tirar novas liñas, vai ser prexudicial para os mesmos que defenden a súa identidade galega alí onde vivan, en calquera ribeira do Eo. Hai outros camiños, sobran fronteiras, porque xa non hai fronteiras. En todo caso, o dito, a min que me deixen en augas internacionais.