Princesas sen equilibrio

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

09 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON CREO que sexa como normalmente se di o oficio máis vello do mundo. Refírome á prostitución. O de cazador había de ser antes, seguro. Nin penso que entregar o corpo a cambio de cartos debera ser chamado oficio. Non como tal. Porque adoita ser a última vía, o derradeiro recurso desque a persoa non atopa ou ve outra maneira máis digna de saír adiante. Non o creo, pero por se houber algunha dúbida, tampouco se trata dun oficio exclusivo das mulleres. Porque hainos, e moitos, que viven a conta diso. Ao mellor fano máis discretamente ca se ve pola zona da Tinería, iso si. Porque se ben parecía que a prostitución ía ser cousa do pasado nesa parte do casco histórico, fundamental para o turismo, semella que alí hai cada día máis oferta, clientes e, polo tanto, negocio. É dicir, que se quixer, o director Fernando León ben puido vires até acó para filmar algunha das secuencias da súa última película, Princesas , actualmente na carteleira lucense. No filme queda retratada, máis ca todo canto arrodea ao mundo da prostitución, a amizade existente entre dúas mulleres colgadas do móbil para exercela. Unha delas co engadido do desarraigo e de ser nai, e co matiz de ter orixe latinoamericana e carecer de papeis. Ben podería ser este o caso dalgunha das máis de cinco mil mulleres estranxeiras empadroadas en Lugo. Porque non todas, como ben se dixo nunhas xornadas sobre as mulleres inmigrantes, organizadas a través do Servizo Galego de Igualdade, son ben recibidas e conseguen integrarse. Porén, non falta quen para sobrevivir cae no carreiro da prostitución. E se difícil ha ser saír diso, malia as axudas, máis grande ha ser o prezo pagado. Por iso algunhas optan por regresaren aló de onde viñeron. Iso si, mancadas polo que atoparon.