NO OUTEIRO | O |
22 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.¿É AXEITADA a comparación? A ONU di que a principal ameaza do planeta é a sida e non o terrorismo. Porque, efectivamente, tal e como dixo o secretario xeral das Nacións Unidas o ano pasado, os ataques terroristas poden matar a milleiros de persoas pero o andazo da sida fainos falar de millóns de enfermos e mortes en todo o mundo. Segundo os estudos da ONU, son tres millóns de mortos e cinco de infectados no que vai de ano. Dos falecidos, medio millón eran menores de idade. Que se di axiña. Estes datos amosan que estamos diante do maior crecemento das últimas décadas. E como cómpre entender, a medra máis brutal da enfermidade prodúcese nos países máis pobres. Non obstante, tamén se advirte de que a expansión non exclúe nin a países nin a segmentos poboacionais. Polo tanto, máis incomprensible resulta aínda que os intereses farmacéuticos sexan quen de poñer atrancos na vía dos fármacos xenéricos. Porque de chegar onda aqueles ese tren axiña aumentarían as posibilidades de sobrevivencia á enfermidade. Por outro lado pero ao fío, son as Nacións Unidas, amais dos colectivos e asociacións mundiais, as que solicitan da Igrexa católica outra mira no asunto do preservativo. Malia a teima desta, está demostrado que, se ben non é a única maneira, o uso do condón si é un método efectivo para evitar a transmisión dunha enfermidade que loxicamente tamén afecta a Galicia. Son máis de 3.000 os casos contabilizados dende que se diagnosticara a doenza. Dise que moitos infectados tardan anos en saber que o están. Ata que se desenvolve a enfermidade. Así pois, loitar contra dela si que é unha desas guerras que merecen investimento, investigación e todas cantas armas teñamos ao noso dispor. Non así outras que nos fan crer por humanitarias.