NO OUTEIRO | O |
09 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.LEVANTARSE e non ter noción algunha de onde se está ou querer escribir o nome e non lembralo, pode ser síntoma dunha enfermidade que padecen máis de 40.000 galegos: o alzhéimer. Unha doenza que arrastra canda si moi severas consecuencias para o desenvolvemento da vida normal da persoa e mais dos seus achegados. E iso ocorre mentres a Administración, alomenos até o de agora, viraba os orzamentos públicos cara outro lado. O mal é, que dúbida cabe, dos propios doentes. Hoxe son eles e mañá, talvez, poidamos ser nós. Sen embargo, son as familias as que pandan co enorme peso dunha enfermidade que converte á persoa nun ser infantil, descoidado e cada vez máis desorientado. A miúdo os primeiros síntomas pasan desapercibidos e adoitan quedar no mundo das anécdotas atribuídas á idade. Será máis adiante, logo de subires algúns chanzos máis a enfermidade, cando o alzhéimer amose a súa faciana máis cruel. Porque é cruel, non coma ese chiste: ¡Manoliño!, ¿como se chama o alemán ese que lle agocha as cousas ao avoíño?, pregunta un esquecedizo avó. ¡Alzhéimer, avó, alzhéimer!, responde sen reparar o neto. A realidade, onde si habita o drama, non abriga tanta graza. Ningunha. Mais se o chiste consegue espertar a curiosidade da poboación desinteresada... Porque as campañas de concienciación son importantes. As de prevención, mellores. Pero o realmente definitivo é que os ocupantes da gobernación saiban ver toda a dimensión desta doenza. Non só a provincia de Lugo, con máis de 11.000 afectados de ahzhéimer, carece dun centro axeitado; é Galicia enteira a que sofre tal falta. Por iso se recibe con ledicia o anuncio de que o Goberno da Xunta -concretamente a Vicepresidencia- vai pór a andar un plan que permitirá crear alomenos un centro por provincia. Anúnciense, asemade, os prazos.