NO OUTEIRO | O |
13 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DESPOIS de tanta troula, esmorga, rexouba ou algueirada, que tamén esta nos ha valer para expresar o que queremos, vén a obrigada volta á normalidade. Algúns xa o estaban desexando, pero o certo é que, por outro lado, non ha ser doado afacerse a non ter de mao un programa ateigado de actividades como este do San Froilán. Podería haber máis, fixéranse outras, etc., iso non quita nin resta do que houbo. Así que, abofé que nestes primeiriños días habemos botar en falta iso de coller o programa das festas para ver a hora dunha actuación ou concerto e poñer hora á quedada cos amigos. E non ha ser pouca a xente -non me atrevo a concretar unha idade- que encontrará algún baleiro en si ao non poder ir á praza Maior e atopares alí coa música e bailes das orquestras. Que agora, como comentaba unha señora do público un destes días, abraiada, non é máis ca chegar e poñer. Referíase, naturalmente, a que hoxendía xa non hai que montar un palco como se facía antano. Hogano as propias orquestras tráeno todo. Así que escoitando a uns e a outros, poida que si, que tralas festas -agás os agasallos da meritoria Banda Municipal-, a umbilical praza da cidade quede demasiado silandeira. ¡Anda!, agora que reparo, outro tal debe pensar ese rapaz tan coñecido en Lugo por andares sempre cantando pola rúa. Dígoo porque, como xa ben terán observado, de cando en vez adoita subir cos seus auriculares ao templete para dende tan significado lugar ofrecernos todo un recital de voz. Por certo que no seu repertorio nunca falta o Manolo Escobar do que xa case non teñen acordo nas orquestras. Ao mellor non o parece pero hai quen entre o público se queixa de que ofrezan tanta música moderna e falte a de «toda a vida». Para esa xente maior, sen dúbida.