En acto de servizo

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

17 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ENTRABA dentro dos posibles. Así o saloucaban as familias que choran pola vida dos falecidos en Afganistán en acto de servizo. Algúns galegos, mesmo de Lugo. Os propios familiares non esquecen que os seus estaban no Exército voluntariamente. Orgullosos de seu, apostilan. Todos eles sobrevoaban en helicóptero por onde outra xente ten a súa terra. ¿Foi derrubado ou por accidente? Para o caso é o mesmo. Inevitable xa a desgraza, necesario o clarexar dos feitos, cómpre facer, sen embargo, desa pregunta os cimentos do debate. ¿Que fan aló as nosas tropas? ¿Hai realmente unha misión humanitaria? ¿Faise por asentar os valores democráticos alén de Occidente? ¿É na procura dunha suposta seguridade internacional, de acordo coa ONU? ¿Ou é, simplemente, para estares a ben coa administración estadounidense? En todo caso, non corre agora máis présa saber cómo e dos porqués todos, ca pedir que se faga con xeito a identificación dos falecidos. Neste senso, hai en tal ocasión mellor disposición gobernamental ca no pasado recente. Semella ser así. Parabéns, polo tanto, para Bono e Zapatero. Por estaren en tempo e forma aí onde había que estar sempre.