NO OUTEIRO | O |
12 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.CON Orballadas , Barco negro e por unha Lágrima cantou a fadista Maria do Ceo ata emocionarse ela e un auditorio de Caixa Galicia vido a pequeno para a ocasión. Iso á noitiña. Antes, o mesmo mércores pasado á tarde, na praza da Soidade, algúns espectadores houbéranas soltado de ledicia, as bágoas, de ser eles os elixidos para a rodaxe dunha película que se gravaba alí. Mentres que os actores repetían diálogos para unha escena que se realizaba na terraza dunha cafetería, outros, afastados da cámara, dos micrófonos e da acción máis inmediata, miraban con ollos de envexa para todo o equipo de rodaxe. As preguntas da xente ían dirixidas a saber se había presente algún actor coñecido. Escudriñaban un intre e visto que non, a maioría marchaba decontado. Iso si, rosmando. E é que o que vemos na pantalla do cine ou da televisión pouco ten que ver coa pesada carga de repetir o mesmo plano unha e outra vez ata agradar ao director. Claro que non sempre o hai. Sen ir máis lonxe, nos bancos da praza de Santo Domingo, case ao mesmo tempo que aquilo alí embaixo, producíase unha escena digna de película pero esta sen outras cámaras cás da vida real.