A Feira do Libro comeza o sábado con 19 casetas na praza Maior

LUGO

SEBAS

Durante nove días acudirán destacados autores e haberá obradoiros En xullo recupérase o mercado de volumes antigos e usados

08 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Con 19 casetas, 14 delas de librerías (cinco máis que o pasado ano), dará comezo o sábado a 23 edición da Feira do Libro de Lugo, que organiza a Federación de Libreiros de Galicia e conta co apoio da Consellería de Cultura, do Concello e de Caixanova. A inauguración oficial será á unha do mediodía, co pregón que lerá Xosé Carlos Caneiro. Durante os nove días que dure a feira, haberá, sempre polas tardes, presentacións e sinaturas de libros a cargo de destacados autores, actividades infantiles e unha lectura popular de El Quijote . O presidente dos libreiros lucenses, Carlos Coira, destacou que mentres noutras cidades hai problemas para conseguir reunir un mínimo de casetas participantes, a resposta dos lucenses anima a que este ano veñan máis postos, que terán os seus libros cun 10% de desconto. Froito do éxito de participación na feira, confirmaron que o vindeiro mes celebrarase en Lugo o mercado de volumes antigos e de ocasión, que leva varios anos sen que se organizase. Ademais, todos os días haberá un sorteo de libros, ás 21.15 horas, entre todas as persoas que mercasen algún libro durante a xornada.