As letras

LUGO

TRIBUNA | O |

16 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O GALEGO é cada ano que pasa un idioma vivo pero á vez con síntomas de grave enfermidade. Esta aparente contradicción só se pode entender se queremos mirar a botella medio chea ou medio baleira. Nunca na historia de Galicia se editou ou se ensinou tanto en galego como agora. As cifras son demoledoras se as comparamos con outras décadas. Pero á vez, nunca tan pouco se empregou o noso idioma como está a suceder na actualidade. E iso que o coñecemento é ben alto e que xa se perdeu o mal costume de asociar galego á paletada. Vivimos inmersos en políticas lingüísticas moi loables pero que acaban sendo un malgasto de cartos sen conseguir éxitos tanxibles. Calquera cidadán que estea unha semana en Cataluña poderá comprobar o orgullo co que senten os seus habitantes o seu idioma. O catalán está presente en todos os ámbitos, pero de maneira moi significativa no mundo empresarial e no deporte. Mentres, en Galicia, seguimos asociando defensa do galego a nacionalismo. É normal, porque durante os anos máis escuros da ditadura foron eles e os galeguistas os que mantiveron vivo o idioma. Pero esto, que foi positivo, nos últimos anos acabou sendo un problema. Existe a percepción de que promover e potenciar o noso idioma significa axudar ao nacionalismo, cando o galego debería ser patrimonio de todos. Somos moitos os que confiamos en que o novo plan de normalización lingüística aprobado polos partidos no Parlamento, dea os seu froitos.