EN FEMININO | O |
11 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.AO CHEGAR o Día das Letras Galegas e tamén porque neste mes se celebra o Día Mundial de Europa, permítome estas liñas que invitan á reflexión sobre as linguas, estranxeiras e materna. «Tantas linguas sabes, tantas veces es home» reza un dito checo. De nenos, arredor dos dous anos aprendemos a lingua materna, aquela que falan os nosos pais e se estes interactúan en idiomas distintos tamén adquirimos coñecementos das dúas, aínda que cunha inclinación cara á que fale a nai. Se é certa a idea a de que a aprendizaxe posterior de linguas diferentes á materna abre o abano de posibilidades no mercado laboral de toda Europa, non é menos certo que o galego se atopa en perigo. A predicción da Unesco é de que a lingua galega pode desaparecer no futuro. Non queda outro remedio que loitar, sen armas, coa fala, movendo o músculo da boca. Debemos ser conscientes de que a lingua galega é a que nos representa e de que só empregando o noso idioma exercemos o papel de ser galegos. Se noutrora se prohibiu a súa aparición na escrita, obrigándoa a ficar relegada ó uso familiar e nas capas sociais máis baixas, hoxe o galego nada ten que ver con aquela asociación á ruralidade, ao atraso, á marxinación e á incultura. Dende que Francisco Fernández del Riego promoveu no ano 1963, no seo da Real Academia Galega, a celebración do Día das Letras Galegas, nesta ocasión adicado ao exiliado Lorenzo Varela, o 17 de maio temos un día para a lingua escrita, gracias ó rexurdir do galego da man de Rosalía de Castro e os seu libro Cantares gallegos . O idioma e a cultura do lugar onde nacemos son o grande patrimonio inmaterial que debemos conservar para o futuro.