NO OUTEIRO | O |
29 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.RIMOS ás gargalladas á beira do río Chamoso, alí nunha área recreativa. Pero permítanme antes o inciso. É de agradecer que se habiliten estes espazos para o lecer e divertimento dos pequenos e grandes. Agora ben, conviría que unha vez feitos, as administracións se preocuparan deles todo o ano e non só perante os catro días bos de verán. Neste tempo tamén se lles pode sacar proveito a esas inversións, ben para tomar o sol ou para ler nun libro ou mesmo para que ocorran cousas como a que deseguido lles vou contar. Como principiaba, uns amigos e mais eu estabamos nunha destas áreas recreativas cando aló no fondo albiscamos a presenza dunha burriña e dun fermoso poni. Axiña corremos onda eles sen lles preguntar antes se molestabamos. Ao pouco, unha amiga, moi amiga tamén de xogar cos animais, non tivo mellor ocorrencia que repañar do chan unhas herbas e darllas á boca da burra. Moito non debeu sorprendela porque sen dubidar esta axiña aceptou o ofrecemento. Pero debeu ser tanta a confianza entre elas que dunha vez o animal non soubo distinguir o verde da carne e colleu e mordeuna. Terían que ouvir o grito da rapaza. ¡Que risas botamos!